Montse Prado cualifica de "fascista" á ultradereitista Corina Machado e o PP pídelle rectificar

A deputada nacionalista Montse Prado afeou que a Nobel da Paz Corina Machado chamara "á invasión do seu propio país", unhas afirmacións "absolutamente inaceptábeis" para o PP.

Montse Prado, este 14 de outubro no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
Montse Prado, este 14 de outubro no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

Pequena liorta política esta terza feira no pleno do Parlamento galego durante o debate da proposición de lei de prevención de condutas aditivas. A deputada do BNG Montse Prado referiuse á opositora venezolana e recentemente nomeada Nobel da Paz, a ultradereitista Corina Machado, como "fascista", o que espertou o enfado dos populares, que emitiu un comunicado pedindo unha rectificación do BNG.

E é que a deputada nacionalista abriu a súa intervención como portavoz do grupo enmendante aludindo á Nobel da Paz, "unha fascista que chama a invadir o seu propio país" e ao apoio dos populares á opositora.

"Canto máis fala o PP, o BNG ten máis claro que está do lado certo da historia. E desde logo, o BNG non está co criminal xenocida de [Benjamin] Netanyahu, como está o PP. O BNG non está coa fascista de Corina Machado que chama a invadir o seu propio país, que quedaron cos recursos dos venezolanos. Nin está co imperialismo que ameaza a soberanía dos pobos, os invade, os bombardea cando non fan o que eles consideran para ser botín", dixo Prado.

"Vemos claramente como o deputado do PP, señor [Gonzalo] Trenor, de aproveitar a súa intervención a este estrado e condenar os actos inaceptábeis, violentos, contra cargos públicos e institucionais, non espontáneos da veciñanza", explicou a deputada do BNG en relación á denuncia da formación nacionalista de que o PP instigou "actos violentos" contra alcaldesas do Morrazo.

"O BNG non está dese lado da historia", afirmou, referíndose á "bota do imperialismo" que apoian, para os nacionalistas, tanto o PP como a propia Corina Machado. A este respecto, lamentou a "degradación" dun premio como o Nobel da Paz, deterioración que, ao seu parecer, demostra a concesión á venezolana, a que cualificou como fascista en repetidas ocasións. "Calquera persoa decente sente vergoña e repugnancia do uso deste Premio Nobel dado a unha fascista".

Pola súa banda, a deputada do PP Encarna Amigo lamentou as palabras empregadas por Prado e acusou os nacionalistas de "facerse fotos con Bildu", entre outros, en referencia ao "lado da historia" ao que se refería a nacionalista na súa intervención. "Nós reunímonos con forzas democráticas que partillan co BNG o traballo pola soberanía das súa nacións, e non temos nada que ocultar. Se tivésemos algo que ocultar non seríamos nós mesmos os que o mandamos [a nota de prensa sobre a xuntanza con Bildu] aos medios de comunicación", replicou Montse Prado.

Tras o debate, o PP emitiu un comunicado no que condenou as palabras da deputada nacionalista, á vez que esixiu ao BNG "unha rectificación" dunhas afirmacións que consideran son "absolutamente inaceptábeis".

Comentarios