O PP di que recortará o número de deputad@s no primeiro semestre de 2014

Así o anunciou o propio presidente da Xunta de Galiza, quen emprazou o PSdeG-PSOE a "negociar" a proposta. Desde o BNG rexeitaron de maneira taxativa a reforma pois, aseguran, "a democracia non se recorta". 

feijoo
photo_camera feijoo

Vai por volta dun ano que o PP anunciou a súa proposta de reducir o número de escanos no Parlamento. A medida, duramente criticada polas forzas da oposición, visa recortar @s deputad@s dentro da forquita estabelecida no Estatuto de 1981 e deixaría tan só 61 membros na Cámara.

Após as eleccións do pasado 21 de outubro de 2012, @s populares aseguran que a súa proposta conta co aval das urnas e mesmo, din, pula por unha maior "eficiencia e eficacia con menos políticos ou menor custe", sinalou a portavoz do PP, Paula Prado. 

Presentar a proposta antes do 31 de decembro

Entre os dixo e dixen, o Partido Popular podería levar adiante a reforma do Parlamento a comezos do vindeiro ano, como anunciou o propio presidente da Xunta de Galiza "Quédannos catro ou cinco semanas para presentar o proxecto", explicou Alberto Núñez Feijóo, quen recuncou en sinalar que é "un mandato dos electores" minguar o número de representantes políticos no poder lexislativo.

No entanto, a presidenta da Cámara, a popular Pilar Rojo, afirmou nunha entrevista na Cadena Ser que non ve con bos ollos reducir o número de parlamentares "sen consenso", algo lonxe da realidade ao abeiro das posicións que mantén a oposición. Aliás, Rojo asegurou que o recorte "apenas vai supor aforro". 

Os demais grupos rexeitan a medida, se ben o presidente da Xunta de Galiza ofreceu ao líder do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, negociar a redución do número de escanos. Para Feijóo, unha aproximación do grupo maioritario da oposición "facilitará" o achegamento das demais forzas. Neste senso, o secretario xeral d@s socialistas asegurou que asumiría o recorte, mais no seo dunha reforma máis ampla e emprazou o presidente a "falar de calidade democrática". 

O Bloque oponse a "recortar a democracia"

Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, desbotou de maneira taxativa negociar calquera redución no número de asentos no Pazo do Hórreo pois, asegurou, "a democracia non se pode recortar". Para o voceiro nacional da organización frontista, a súa formación xa dixo "claramente que a democracia non se pode reducir". En troca, defendeu Vence, @s nacionalistas apostan en "reforzar a democracia" e o Parlamento face a "estratexia do PP" que, dixo, quere "reducir o auto-goberno e a calidade democrática". 

Para o líder nacionalista, o proxecto de lei que está a preparar o Partido Popular procura "dar un golpe de man" para "reforzar as súas posicións" face unha "eventual perda da maioría absoluta" que é, ao entender de Xavier Vence, "o que está a punto de acontecer". 

Segundo o presidente da Xunta, a medida podería ser presentada formalmente antes de rematar o ano. Até o momento descoñécese o contido da proposta que, se ben visa reducir en 14 o número de deputad@s, non ten aínda fixado cal será o recorte por circunscrición electoral. 

Comentarios