O PP defende que Galiza quede fóra da Unesco e delegar a representación en España: "Temos outras prioridades"
A negativa do Goberno galego a pedir a integración da Galiza na Unesco centrou esta cuarta feira unha Proposición non de lei que se debateu en Comisión parlamentaria. Proposta polo BNG, a iniciativa solicitaba que esta institución instase a Xunta da Galiza a rectificar esa decisión e, tendo en conta a Estratexia Galega de Acción Exterior (Egaex) 2025-29, tramite a solicitude para que Galiza forme parte, como membro asociado.
Desde a formación nacionalista, a deputada Cristina Fernández defendeu “a visibilidade e presenza internacional” que representaría para Galiza “estar presente como entidade de seu, podendo participar na toma de decisións sobre educación, ciencia, cultura e patrimonio”. Ademais lembrou que na Unesco “pódense realizar acordos e convenios con entidades doutros Estados en materia cultural ou contar con oportunidades de financiamento para proxectos. Así mesmo puxo en valor que entidades, fundacións e o propio Igadi defenderon a proposta.
Fernández lembrou que no seu día modificouse o Artigo II da Constitución da Unesco para permitir a admisión como Membros Asociados a territorios que non teñen competencias en política exterior. “É o caso das illas Feroe (Dinamarca) ou Nova Caledonia (Francia) e iso permite novas incorporacións como Catalunya e Euskadi”, asegurou.
"Outras prioridades"
Por parte do PP, a deputada Katherinie Varela mantivo a postura do executivo galego amosando o seu "orgullo" polo funcionamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores da Xunta. "Non fai falta estar na Unesco para traballar na acción exterior", sinalou. A popular considerou que avogan "por competencias beneficiosas" mais non "pola independencia total do Estado español".
"Sentimos orgullo de pertencer a España e as competencias en acción exterior son do Estado español", afirmou. Porén, reparou no "traballo que realizou Alfonso Rueda no Comité Europeo das Rexións" diante dun modelo "centralizador da UE". Neste sentido, malia defender que ten que ser o Goberno español quen estea na Unesco, criticou o seu presidente, Pedro Sánchez, e indicou que neste tema "non está a traballar". Por último, aclarou que a Xunta da Galiza, agora mesmo, "ten máis prioridades" que esta para actuar.
"Curto de miras"
Ausente o deputado de Democracia Ourensá, interveu polo PSdeG a deputada Silvia Longueira. "Apoiamos a iniciativa do BNG e mesmo presentamos unha semellante", dixo. A socialista asegurou "non entender a postura do Goberno galego" sobre este tema. "É incomprensíbel que estean en contra da visibilización internacional da nosa cultura. O presidente da Xunta [Alfonso Rueda] é curto de miras", opinou Longueira. Por iso defendeu estar na Unesco para "reforzar a nosa identidade a nivel mundial".
