Críticas a Sánchez por non convocar eleccións

O PP considera que "cumpriu cos galegos e coas galegas" neste ano

A popular Paula Prado, durante a comparecencia de onte. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A popular Paula Prado, durante a comparecencia de onte. (Foto: Nós Diario)

A secretaria xeral do Partido Popular (PP) na Galiza, Paula Prado, fixo onte balance do ano 2022 e resumiuno en 12 momentos, un por cada mes. Para Prado este foi un ano de "cambios significativos", pero que algo se mantivo constante: "o PP cumpriu cos galegos e coas galegas". 

Na súa intervención, a secretaria xeral do PP destacou a saída de Alberto Núñez Feixoo cara a Madrid e a entrada de Alfonso Rueda como novo presidente da Xunta da Galiza, unha transición que considerou "exemplar". Prado salientou tamén diversos actos orgánicos nos que participou o partido ao longo do ano, como a XXV Interparlamentaria Popular, as comisións do PP, o día do afiliado de Novas Xeracións ou o almorzo de traballo con deputados e senadores. A popular aproveitou tamén para criticar o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, por non convocar eleccións estatais. 

No seu balance de ano, Prado non mencionou iniciativas ou proposicións que o PP sacara adiante para, como dixo, "cumprir cos galegos e coas galegas".

Comentarios