Portugal xa ten os candidatos á Presidencia da República

O Constitucional luso ten nove nomes de candidatos para as eleccións do vindeiro 24 de xaneiro.
As eleccións presidenciais están previstas para 24 de xaneiro (Foto: Pedro Fiuza / ZUMA).
photo_camera As eleccións presidenciais están previstas para 24 de xaneiro (Foto: Pedro Fiuza / ZUMA).

Aínda non se deron a coñecer oficialmente os nomes, mais Portugal xa ten nove candidatos a ocupar a Presidencia da República. Entre eles está o actual titular do cargo, Marcelo Rebelo de Sousa (Partido Social Demócrata), que se postula á reelección. Fronte a el estarán Ana Gomes (Partido Socialista) Marisa Marías (Bloco de Esquerda), João Ferreira (Partido Comunista Portugués), Tiago Mayan Gonçalves (Iniciativa Liberal), André Ventura (Chega) e Vitorino Silva (Reagir Incluir Reciclar), que presentaron publicamente a súa candidatura a Belem. 

Xunto a estes sete nomes habería outros dous candidatos, xa que o Tribunal Constitucional luso recibiu documentación de nove candidatos. Un deses dous 'tapados' podería ser Eduardo Baptista, quen acudiu á corte para formalizar a candidatura a pasada cuarta feira.

A lista definitiva de candidatos aos que poderá votar a cidadanía portuguesa o vindeiro 24 de xaneiro darase a coñecer esta segunda feira. Con todo, os xuíces teñen até o 4 de xaneiro para verificar os avais de cada unha das candidaturas. 

Ás presidenciais de xaneiro, que serán as primeiras eleccións nacionais en Portugal no medio da pandemia da Covid-19, presentáronse inicialmente dez precandidatos, mais só nove lograron cumprir cos requirimentos para formalizar a súa candidatura, como o de entregar 7.500 sinaturas de votantes ante a Corte Constitucional antes desta quinta feira ás catro da tarde.

Orzamentos de campaña

Após entregar as sinaturas exixidas, os candidatos tamén teñen a obriga de presentar os seus orzamentos de campaña á Entidade de Contas Políticas e Financiamento. Teñen para iso até esta segunda feira, 28 de decembro.

Segundo revelan medios portugueses, Ferreira é, até o de agora, o candidato que prevé gastar máis cartos: 450.000 mil euros. Ventura conta gastar 160.000 euros na campaña. Gomes, 50.000 euros, e Mayan Gonçalves prevé gastar 40.000 euros. O actual presidente da República, pola súa banda, orzou a súa campaña en 25.000 euros. Outro dos aspectos que se desvelarán o día 28 é a orde en que aparecerán as candidaturas nas papeletas de votación, que logo se colocará nun aviso na porta do Tribunal Constitucional.

Comentarios