Pontón lembra a Rueda que a espera en dependencia é agora de unha semana máis que cando anunciou o plan para reducila
Hai agora 125 persoas máis nas listas de espera de dependencia (2.874) que en decembro de 2024, cando Alfonso Rueda anunciou a posta en marcha dun plan para reducir tanto estas listas como os días de agarda. Denunciouno esta terza feira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na sesión de control ao presidente. "A vostede os maiores impórtanlle pouco porque lle votan pouco", respondeu ao ataque o titular da Xunta. O líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou Rueda de estar "ausente" ante os problemas da Galiza.
A dependencia volveu centrar unha sesión de control no Parlamento galego. Un tema que afecta ducias de miles de galegos e galegas e que, nos últimos meses, centrou unha parte non pequena das promesas e anuncios do Goberno galego. Un deles foi realizado polo propio presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda o pasado 27 de decembro na comparecencia após a reunión semanal do Goberno galego: un plan de choque para reducir as listas de espera e os días de agarda en dependencia.
A teor dos datos que esta terza feira ofreceu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, dito plan non cumpre os seus obxectivos. "É pura propaganda", criticou a nacionalista, que afirmou que os tempos de espera en dependencia son agora de 393 días ("o dobre do fixado por lei e 1 semana máis que cando vostede [a Rueda] anunciou o plan de choque"), e que as persoas que están nesa lista son 2.874 ("125 máis" que en decembro de 2024).
Ademais, lembrou Pontón, nos últimos sete anos "7.095 persoas morreron na Galiza" mentres estaban nesas listas de espera. A partir destes datos, a nacionalista desenvolveu unha crítica global á política social da Xunta: falla de residencias públicas, privatización da dependencia ("drenan cada ano 100 millóns de euros públicos para a privada"), asfixia do Servizo de Atención no Fogar... "Hai que dar aos coidados a mesma importancia que o ensino ou sanidade", solicitou Pontón, que propuxo camiñar cara á creación "dun Sergas dos servizos sociais".
Non respondeu Rueda a esta proposta da nacionalista. O presidente cargou directamente contra a portavoz do BNG. "A vostede os maiores preocúpanlle pouco porque lle votan pouco", afirmou. Defendeu o 'plan de choque' en dependencia recoñecendo que, "efectivamente", tárdase moito en valorar a dependencia; mais dico que nestes meses "resolvéronse 32.000 expedientes". Para o titular da Xunta, as eivas en dependencia na Galiza teñen un responsábel principal: o Goberno do Estado, por non cumprir coa súa parte do financiamento.
Sometido a Xénova 13
Na súa intervención na sesión de control, José Ramón Gómez Besteiro cualificou a Alfonso Rueda de "presidente ausente". Unha cualificación que provocou hilaridade na bancada popular, onde non se ten o socialista por un exemplo de asistencia e presenza na Cámara. Besteiro dixo que Rueda estaba "ausente" ante os problemas da Galiza e "sometido ao que lle marca o seu partido desde Xénova 13 [sede do PP estatal]".
O secretario xeral do PSdeG incidiu na ausencia do Goberno galego en temas como o emprego ("non meten un gol en emprego nin ao arco da vella") ou mesmo no apagamento. "Vostede non estivo á noite co Cecopi (Centro de Coordinación Operativa Integrado", eu tería estado", asegurou o socialista.

