Pontón, a Rueda: "Vostede xa era presidente de Novas Xeracións cando Pablo Crespo repartía sobres en B"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu ser atacado polo PP polo tempo que leva exercendo o ser labor como política. Un ataque que que obtivo resposta pola voceira da formación nacionalista. "Vostede di que levo moito tempo sendo deputada, e dío o señor Rueda, que leva máis de 30 anos subido no coche oficial", espetou Pontón ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda.
"Señor Rueda, vostede xa era presidente de Novas Xeracións cando o señor Pablo Crespo repartía sobres en B dentro do Partido Popular. Fíxese o que dicía onte [esta terza feira no marco do xuízo da última peza da Gürtel], Pablo Crespo ratifícase en que no PPdeG había financiamento ilegal e en que el mesmo repartiu sobresoldos en B", continuou Pontón. "E aí vostede xa estaba no aparato do Partido Popular", engadiu.
O "home do maletín"
Pablo Crespo abriu esta terza feira os interrogatorios da segunda xornada do último xuízo do caso Gürtel —trama dividida en trece pezas—, no que se xulgan delitos contra a Facenda Pública e de branqueo de capitais realizados por esta presunta rede corrupta a través de subornos a cargos do PP en concellos e en comunidades autónomas para conseguir adxudicacións de contratos entre 1998 e 2009. O que fora número 2 da trama confesou que gañaron moito diñeiro a través das empresas de eventos do grupo de Francisco Correa grazas á cobranza de "comisións por adxudicación de obras públicas" e á "fraude á Facenda Pública".
Crespo, ao igual que Correa, goza do terceiro grao penitenciario. Esta terza afirmaba na súa declaración, de case catro horas, sentirse "un apestado social". Recoñeceu que el era quen "supervisaba o día a día da actividade contábel e financeira" da arañeira de empresas da trama. Un labor para o que empregaba o alias de Maxwell Smart, protagonista da serie de comedia estadounidense de finais da década de 1960 Superaxente 86. Confesou que chegou a manexar catro móbiles diferentes polo temor a estar sendo vixiado, o que levou a que Correa o cualificase de "paranoico".
A operativa ilícita funcionou nas sombras durante anos mentres os máximos responsábeis da trama se movían como empresarios de éxito polas altas esferas e penetraban en administracións gobernadas polo Partido Popular. Pablo Crespo foi condenado a 37 anos de prisión só pola primeira peza da Gürtel, á que se sumarían outras sentenzas posteriores. Durante a súa estancia en prisión participou en varios programas de reinserción. Foi un dos 464 reclusos que seguiron o programa de reinserción para delincuentes económicos que se puxo en marcha en 2021.
Home forte do PP galego e 65% dos cartos "en negro"
Crespo comezou a súa carreira política a mediados da década dos 80 presidindo o PP de Vilagarcía (O Salnés), cidade na que dirixía unha sucursal bancaria. Ascendeu a secretario de Organización do partido, entre 1995 e 1999. Desde 1996 até 2005 representou a Consellaría de Ordenación do Territorio no Consello de Administración de Portos da Galiza. Foi electo deputado do Partido Popular pola circunscrición de Pontevedra en 1997, causando baixa o 14 de xullo de 1998 e entrando a substituílo a ponteareá Nava Castro. No PP galego era, en palabras do xornalista José Precedo, "o home do maletín".
O propio Crespo confesou en 2013 no programa de televisión Salvados que el propio entregaba sobres con cartos en B a dirixentes do PP galego. Asegurou, ademais —e ratificouno nunha comparecencia ante unha comisión no Congreso en 2018—, que por volta de 65% do financiamento das campañas electorais do PP galego era irregular e procedía de donativos de construtores. Crespo cifrou en 300.000 euros anuais os cartos (sen declarar) que recadaba para o partido.
