Pontón pon o BNG en Ourense de "garante da rexeneración"

Rhut Reza, Ana Pontón, Luís Seara e Noa Presas, no mitin. (Foto: Nós Diario)
Luís Seara fala de "emerxencia política" na cidade.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, arrancou o mitin de Ourense falando da "dexeneración democrática" que supón o "caciquismo 2.0" do PP na provincia e os escándalos do alcalde Pérez Xácome, de DO, na cidade.

Unha situación ante a que, dixo, o 28-M "hai que encher as urnas de papeletas do BNG, hai que votar masivamente a Luís Seara, porque con ese voto masivo ao BNG imos pór fin ao disparate deste desgoberno municipal e imos abrir un tempo novo para devolverlle á cidadanía de Ourense un concello coa dignidade que se merece”.

Pontón destacou que Seara é o alcalde que Ourense necesita para deixar atrás a páxina máis triste da súa historia recente “e mirar o futuro con confianza”; para abrir as portas do Concello de par en par, “e deixar entrar a luz do proxecto do BNG, serio, solvente, en positivo".

Pola súa parte, o candidato nacionalista á Alcaldía da terceira cidade da Galiza cualificou a situación de “emerxencia política e social”, e por iso o 28 de maio é un día transcendental “porque temos que escoller entre a corrupción política que leva tanto tempo instalada neste concello ou a rexeneración política que representa o BNG”.

Ligazóns con Portugal

A xornada electoral desta segunda feira comezou para a portavoz nacional en Tomiño, na comarca do Baixo Miño. En compañía da alcaldesa e candidata á reelección polo BNG, Sandra González, Pontón destacou a importancia da colaboración transfronteiriza con Portugal, — "que xa impulsa o BNG tanto desde os concellos como desde a deputación de Pontevedra"—.

Fíxoo nun encontro no que tamén estiveron a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández; así como coa candidata de Tui, Carme Núñez, o candidato da Guarda, Anxo Baz e Mercedes Martínez, alcaldesa da entidade local de Camposancos.

"Estamos aquí para recordar a importancia estratéxica que ten para a Galiza a relación con Portugal, en particular para todos os concellos que integran a Eurorrexión, unha cuestión clave, desde o punto de vista económico e social, pero que o Goberno español e o Goberno da Xunta ignoran case por completo", criticou Ana Pontón.