Pontón pide a Rueda que explique "por que encubriu durante meses" a Vilares
A voceira nacional do BNG reclama que o presidente galego explique no Parlamento as razóns polas que mantivo no Goberno a "un presunto agresor sexual".
Ana Pontón demandou esta segunda feira, 9 de xuño, desde Ourense, a comparecencia inmediata de Alfonso Rueda no Parlamento da Galiza para explicar os motivos polos que agochou a denuncia por agresión sexual contra o conselleiro do Mar, Alfonso Vilares.
"Nada máis e nada menos que unha denuncia por agresión sexual", indicou Pontón, quen cualificou o acontecido con Vilares como "un feito gravísimo que ten que ser explicado onde están os representantes do pobo, na Cámara que representa a cidadanía".
A dirixente nacionalista emprazou ao mandatario galego a "non esconderse e a dar a cara" para explicar "unha das páxinas máis indignas que temos visto na historia do noso país".
"Un presunto agresor sexual que é despedido con todos os honores"
"Un presunto agresor sexual que é despedido con todos os honores entre bicos e abrazos por todos e cada un dos membros do Goberno galego", lembrou Pontón, quen cargou contra a actitude observada pola Xunta.
Pontón asegurou que se está "enviando unha mensaxe que é demoledora para todas as mulleres, e moi especialmente para as mulleres que sufriron algún tipo de agresión sexual ou de violencia machista".
"Ante unha denuncia", continuou a voceira nacional do BNG, "o que fan é pórse do lado do agresor e non do lado da vítima. E isto é absolutamente grave e debe de ser explicado".
A voceira do BNG amosouse confiada de que a Xunta de Portavoces do Parlamento da Galiza aprobe esta terza feira a comparecencia do presidente galego para esta semana no pleno da Cámara, tal e como solicitou a súa formación.
"O que lle pedimos ao señor Rueda é que dea a cara, que dea explicacións e que non se esconda", insistiu Pontón, quen destacou que o presidente galego "ten que explicarlles ás mulleres deste país por que, ante unha denuncia de agresión sexual, encobre e mantén ese conselleiro en vez de apartalo do seu cargo".