Pontón pide a Goberno estatal e UE que non secunden a "escalada belicista de Israel e EUA"

Reclama que impidan a utilización de bases militares en territorio europeo para continuar uns ataques que están “fóra do dereito internacional”  .

Ana Pontón na rolda de prensa en Compostela, o 2 de xuño. (Foto: Arxina)
Ana Pontón na rolda de prensa en Compostela, o 2 de xuño. (Foto: Arxina)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou desde Castro de Rei tanto ao Goberno estatal como á Unión Europea que non secunden a escalada belicista iniciada por Israel e Estados Unidos cos seus ataques “ilegais” a Irán e impidan a utilización das bases militares en territorio europeo.

A líder nacionalista mostrou a preocupación do BNG ante esta escalada que se está producindo neste momento no contexto internacional e que está impulsada fundamentalmente, dixo, polo primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, e o presidente estadounidense, Donald Trump.

“Denunciamos ese ataque ilegal fóra do dereito internacional que acaban de cometer o Estado de Israel e neste momento tamén Estados Unidos, que supón non só un acto ilegal, senón tamén irresponsable, porque isto escala un conflito nun momento non que se poden repetir erros do pasado e que pode elevar a humanidade a unha situación moi perigosa”, advertiu.

Neste contexto tan preocupante, a líder nacionalista fixo un chamamento tanto ao goberno do Estado como ás institucións europeas para que “non secunden esta escalada belicista” e para que “se impida que se utilicen bases militares en territorio europeo para continuar estes ataques”.

A portavoz do BNG incidiu en que a resolución deste conflito debe volver “á senda do que nunca debeu saír” e que, recalcou, é a da “negociación, a diplomacia e o traballo pola paz”.

“Tanto o señor Trump como o señor Netanyahu son dous criminais de guerra aos que hai que pararlle os pés neste momento porque o que non queremos baixo ningunha circunstancia é que volvamos ver outro Irak ou outro Afganistán”, alertou.

“Desde o BNG dicimos non no noso nome”, concluíu en declaracións aos medios, antes de intervir nun acto coa militancia no marco da axenda previa á celebración do Día da Patria e no que tamén participaron a portavoz municipal en Castro de Rei, Olga García, e o responsábel comarcal de Galiza Nova, Adrián Rodríguez. 

Comentarios