Pontón pide por carta a Feixoo unha reunión para abordar "en positivo" a saída da crise covid

Pide deixar de lado partidismos: "O adversario á bater é o virus, o  paro, o peche de empresas e negocios"

Ana Ponton
photo_camera Ana Ponton (Foto: Arxina)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, solicita unha reunión ao presidente da Xunta para abordar, “desde o diálogo e a negociación”, solucións aos que sinala como “grandes retos de País”.

A líder do BNG entende que, nunha situación de crise sen precedentes en tempos de paz, é máis necesario que nunca deixar de lado “o partidismo e a confrontación” e dar alternativas á cidadanía.

"Solicito unha reunión co presidente da Xunta porque, dada a situación de crise que vive Galiza e a súa durísimas consecuencias, é tempo de diálogo, de propostas, de negociación e de sumar en positivo para sacar este País adiante e darlle solucións aos problemas da xente, para dar esperanza de futuro por parte de quen temos a obriga de facelo, tanto desde o Goberno como desde o principal partido da oposición", salientou Pontón.

De cara a esa xuntanza a líder do BNG formula catro cuestións clave. Primeiro, reforzo da sanidade pública e un plan de vacinación que permita vacinar 24/7 en canto se solucione o problema de subministro; segundo, defensa dos intereses de Galiza nos fondos europeos de recuperación, Next Generation; terceiro, plan de rescate real para os sectores máis afectados pola pandemia e cuarto, traballar nun novo modelo de coidados que garanta unha vellez digna aos nosos maiores.

"A cidadanía merece que os seus representantes deamos o mellor para aportar solucións, deixando de lado partidismos e enfrontamentos", recalcou, destacando onde ten o BNG as súas prioridades.

Preguntada pola interpretación que fai da campaña de ataques contra o BNG e, en particular, contra a propia portavoz nacional, Pontón indicou que esa é unha cuestión á que debe responder Fexoo a quen dixo ver nervioso, "parece como se o seu compás apuntase a Génova e agora se sentise un pouco desnortado", ironizou en relación ao anuncio do PP de pechar a súa sede central en Madrid.

Comentarios