Pontón pide ao Goberno que diga "con total claridade" que non financiará Altri e insiste: "Non pode recibir axudas"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu en que o proxecto que a multinacional lusa Altri quere instalar en Palas de Rei (A Ulloa) "non pode recibir" axudas públicas" e pediu ao PP e ao Goberno español que diga "con total claridade" que non o vai financiar.
A preguntas dos medios tras a intervención de Alfonso Rueda no Debate sobre o Estado da Nación, após coñecerse que Altri fica fóra das axudas ao Perte de descarbonización, Pontón lembrou que o BNG leva "moito tempo dicindo" que unha empresa que "quere contaminar o corazón" do rural galego "non podía recibir baixo ningún concepto axudas públicas para contaminar Galiza".
Con todo, lembrou que esta é "só unha parte das axudas", polo que volveu a insistir en que Altri "non pode recibir nin un só euro para contaminar" Galiza.
"O que debería facer o PP e o Goberno do Estado é dicir con total claridade que non se vai financiar ese proxecto", reiterou antes de volver propoñer que eses 250 millóns que pide a multinacional, procedentes de fondos europeos, se invistan invístanse "para recuperar o río Ulla, sanear a ría de Arousa e apoiar o tecido produtivo".