martes 07/12/21

Pontón exixe reducir o IVE da luz de 21 a 4% e evitar a nova suba

O BNG quere declarar a enerxía como ben público e demanda unha tarifa eléctrica galega.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, explica as súas propostas ante a nova factura da luz (Foto: Arxina)
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, explica as súas propostas ante a nova factura da luz (Foto: Arxina)

No BNG reclaman unha "intervención" para que a electricidade sexa considerada un "ben público" e deixe de ter estatutos de "luxo", para o que tamén piden a redución do IVE de 21% a 4% e eliminar o imposto especial. Así se pronunciou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a respecto da nova tarifa da luz que este 1 de xuño entra en vigor. "Preocúpanos porque afecta a miles de persoas. Nas próximas 24 horas vaise producir un cambio na facturación en que as eléctricas gañan e perden as familias, as pequenas e medianas empresas".

A líder nacionalista remarcou que esta mudanza na factura "vai disparar" o custo para as familias, obrigándoas ademais para aforrar a acudir a horas de "descanso" para realizar tarefas domésticas, as cales ademais recaen na súa maior medida nas mulleres. "Despois dunha longa xornada", ilustrou Pontón, a nova factura o que fai é propor "non durmir" ou "trasnoitar" para pasar o ferro ou pór a lavadora.

Advertiu de que a nova tarifa volve supor un "cambio a favor das eléctricas. Benefician as multinacionais e castigan as maiorías sociais", aseverou, pondo casos como o das explotacións gandeiras, que teñen un gran consumo enerxético e que se verán penalizadas, ou cafetarías e restaurantes, cuxo consumo máis alto se produce nos momentos de máis custo da luz.

Ademais, para Pontón supón unha "inxustiza" especialmente para Galiza, ao ser "produtora neta" de electricidade. "Un disparate do Goberno do Estado sen que o Goberno de Feixoo movese un dedo".

Pontón ten claro que esta situación débese a que as "portas xiratorias das eléctricas funcionan para PP e PSOE". "A luz ten que cambiar a súa consideración e ten que ser ben público", reclamou para frear o peso dos lobbys

O PP carga contra o Estado

Contra a nova tarifa eléctrica tamén cargou a viceportavoz parlamentaria do PP, Paula Prado, sinalando que traerá un golpe "fiscal" para "as familias máis necesitadas". Nese sentido, remarcou que a Xunta xa anunciou que presentaría alegacións a esta nova factura. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou que o Goberno de España traballa para que o prezo da luz "sexa razoábel" fronte a un PP que "errou radicalmente" en todas as políticas que teñen que ver coa electricidade e coas enerxías.

En canto ás propostas de Pontón, o socialista afirmou que o BNG expón "sempre o mesmo desde os 70, que é pór enerxía galega. En definitiva, demagoxia e populismo", dixo en referencia á exixencia dos nacionalistas dunha tarifa eléctrica galega.

Pontón exixe reducir o IVE da luz de 21 a 4% e evitar a nova suba
comentarios