O BNG denuncia a perda de poder adquisitivo pola alza dos prezos

Pontón advirte dun “pacto de silencio PP-PSOE” para agochar as causas do derrube da ponte da A-6

O sinistro dunha das pontes da A-6 no tramo entre Castro Lamas, no concello berciano de Veiga de Valcarce e Noceda, no concello galego de Pedrafita do Cebreiro centrou a intervención de Ana Pontón no Consello Nacional do BNG.

Consello Nacional 5
photo_camera Ana Pontón intervindo diante do Consello Nacional do BNG. (Foto: Nós Diario)

A voceira nacionalista volveu a esixir “explicacións e transparencia” sobre as causas do derrube da ponte da A-6 e denunciou “o pacto de silencio PP-PSOE” para protexer intereses partidistas e empresarias.

Pontón sinalou que estamos “escandalizados e moi preocupadas” polo acontecido no viaduto e reclamou “explicacións”, ao considerar  “inadmisíbel”  pasar de estar a piques de reabrir esa ponte “con arranxos millonarios” a agora propor “a súa demolición”.

Raquel Sánchez

A líder do BNG amosouse decepcionada coa ministra de Transportes, Raquel Sánchez, e o presidente galego, Alfonso Rueda, que “dignáronse a visitar o lugar do sinistro” onte mais  “non aclararon nada de nada”.

“Non deu ningunha solución, nin prazos, nin nada de nada”, afirmou Pontón en relación coa visita de Raquel Sánchez ao lugar do sinistro, de quen reclamou “ a comparecencia” no Congreso para aclarar o acontecido.

Pontón advertiu “dunha complicidade, dun pacto de silencio PP-PSOE que nós parece politicamente impresentábel”. “A quen queren protexer”, preguntouse a dirixente do BNG, “ao Sr. Álvarez Cascos.  A Florentino Pérez. Ao lobby do Palco do Bernabeu”.

A voceira nacionalista asegurou que “iremos  até o fondo, caia, que caia” e demandou “unha auditoría independente de todas as pontes da A-6 e unha estratexia e calendario para poder circular con seguridade pola A-6”

Suba de prezos

A dirixente do BNG referiuse, tamén, a crise económica provocada pola alza dos prezos e lembrou que “as galegas e galegos somos  9,6% máis pobres que fai un ano, cunha inflación  máis alta, cos salarios por debaixo da medias e as segundas pensións máis baixas do Estado”.

Pontón puxo o foco na perda de poder adquisitivo dos traballadores e definiu a nova crise como unha “nova estafa á maioría social” ao tempo que  as empresas do IBEX obtiveron , “64.000 millóns de euros de beneficio”.

A dirixente nacionalista defendeu “subir o complemento autonómico das pensións non contributivas”, “aumentar a Risga e facela compatible coa prestación do Ingreso mínimo vital (IMV)” e “a aumentar as axudas para gastos básicos de vivenda, que coa inflación subiron  21,8% no último ano”

Comentarios