Pontón acusa Feixoo de converterse “nunha imitación cutre de Ayuso”

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, recalou en Verín para defender a candidatura a Alcaldía de Diego Lourenzo. A dirixente nacionalista criticou o “desnorte” de Núñez Feixoo na súa recente xira electoral na Galiza.

VERÍN__20M_22
photo_camera Ana Pontón dirixíndose aos asistentes ao acto do BNG en Verín. (Foto: Nós Diario)

Pontón afirmou que “Feixoo está tan desnortado que pasou de ser o moderado a converterse nunha imitación cutre de Ayuso” Neste sentido, acusouno de “enlamar o debate co seu discurso de confrontación e crispación”.

A dirixente nacionalista sinalou que “vemos a Feixoo convertido nunha parodia de Ayuso” e indicou que “o que deixou claro na súa xira electoral é que o PP non ten nada que ofrecerlle a Galiza”.

A voceira do BNG acusou ao presidente do PP de triplicar a débeda da Galiza “ao mesmo tempo que recortaba en educación e sanidade” e denunciou como “unha falla de respecto á cidadanía galega que veña prometer en campaña o que non fixo en doce anos de maioría absoluta”.

A líder do BNG presentou a súa formación “como mellor antídoto contra o caciquismo 2.0” e apuntou a Baltar, “un señor que vai en coche oficial un domingo a Madrid non sabemos a que a 215 quilómetros convertido nun perigo público e Rueda e Feixoo mirando para outro lado”.

Un chamado a participación

Pontón explicou que “o 28 de maio tamén vai diso, de rexenerar a política, de democracia, porque non podemos aceptar que haxa quen actúe como se as institucións fosen súas” é reclamou que “e o momento de participar e de reivindicar a política con maiúsculas, porque é a ferramenta  que temos a xente do común para construír unha sociedade mellor”.

A voceira nacionalista demandou o voto dos “que levan Galiza na cabeza e no corazón, o voto de todas as persoas que queren máis para o seus concellos e pensan que se pode vivir mellor en todos e cada un deles”.

A dirixente do BNG presentou o proxecto municipal do BNG como un “modelo de éxito” e asegurou que “onde gobernamos demostramos que somos capaces de mellorar a vida das persoas, con concellos honestos, libres de corrupción, que saben xestionar cada euro”.

A máxima responsábel do BNG apostou por “concellos dinámicos, dos que sentir orgullo,  nos que demostramos que cando temos confianza nas nosas propias forzas facemos grandes cousas”. Nesta liña, amouse convencida de que “saímos a gañar un futuro mellor para Galiza, para esa Galiza en grande que queremos empezar a construír concello a concello”.

Comentarios