Pontevedra defende o pagamento da 'extra' de Nadal a @s funcionari@s

Coincidindo co xuízo polo aboamento da paga extraordinaria de Nadal @s traballador@s públic@s; representantes políticos, sindicais e empresariais da cidade defenderon a medida aprobada polo Goberno local que, en troca, a Delegación do executivo español coida "fraudulenta".

52e10e56b1e6e-20140123juiciopagasextras006
photo_camera Imaxes Mónica Patxot [PontevedraViva]

Esta quinta feira (23 de xaneiro) o Xulgado do contencioso-administrativo de Pontevedra acolleu o xuízo polo pagamento da extraordinaria de Nadal @s funcionari@s do Concello. Pontevedra é o único goberno local que foi denunciado polo executivo español --a través da súa delegación territorial-- por procurar unha fórmula coa que o poder adquisitivo d@s empregad@s públic@s non se vise prexudicado polo Decreto co que Madrid lles suprimiu este complemento salarial. 

Coincidindo coa vista oral, representantes do goberno local (BNG) e outr@s responsábeis polític@s do PSdeG, sindicalistas da función pública e integrantes das asociacións de comerciantes (Aempe e Zona Monumental) amosaron o seu apoio ao executivo de Miguel Anxo Fernández Lores nunha concentración ás portas dos Xulgados. 

Lores amósase orgulloso de defender á cidadanía

Para o rexedor pontevedrés é "un orgullo" ter levado adiante esta iniciativa e garantir con ela o apoio da administración á economía local. Aliás, o alcalde nacionalista criticou a denuncia presentada pola Avogacía do Estado ao considerala "inxusta" e "irracional".

E é que Madrid pretende que a xustiza "condene ao Concello a recuperar as sumas indebidamente abonadas aos perceptores, adoptando calquera medida que fose necesaria para proceder ao seu reintegro" pois, segundo o avogado do Estado, a vía empregada polo goberno municipal para manter a paga extra @s traballador@s é "fraudulenta". 

Cumpre lembrar que o Concello de Pontevedra abonou @s empregad@s este complemento salarial en concepto de produtividade (un total de 16 extraordinarias) o que supuxo o pagamento de  760.000 euros procedentes de fondos propios. Unha decisión que non supuxo adebedamento ningún para as arcar municipais que mesmo, para este 2014, contan cun orzamento maior en relación ao período anterior. 

Con esta medida, sinalou en conversa con Sermos Galiza hai uns meses o concelleiro de Facenda de Pontevedra, Raimundo González, o goberno local quixo amosar que "é posíbel facer outras políticas" fronte aos recortes do Partido Popular. 

Comentarios