Pombo insiste en que na CRTVG trabállase "sen interferencias alleas"
O pluralismo social, político e cultural da CSAG, a extinta CRTVG, centraron onte as preguntas do BNG e o PSdeG no Parlamento galego á directora xeral deste, María Concepción Pombo. Neste caso, o deputado nacionalista Daniel Castro demandou a razón pola que “o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, abre tres días seguidos os informativos” ou que explique “como un tema tan importante desde hai dous anos como é o de Altri non se entreviste nin unha vez ao colectivo Ulloa Viva”. Alén destes exemplos, puxo outros da última semana .
Pombo, na súa resposta, evitou contestar indicando que "envíe esas preguntas por escrito" para poder dar conta delas. Así, limitouse a ler un escrito no que aseguraba que "o pluralismo é unha obriga legal" polo que os medios públicos, na Galiza, "reflicten o que é o noso Parlamento e o noso País".
Feixoo e Dorado
Na súa quenda, a deputada socialista Silvia Longueira cuestionou en comisión parlamentaria os criterios da dirección do ente público para abordar certos temas de interese público. Máis en concreto, referiuse a asuntos “que afectan a persoeiros políticos galegos que tiveron, teñen ou poden acadar responsabilidades de goberno”, nos que se aprecian certas intencionalidades.
Así, a parlamentaria comparou o trato que se dispensa a diferentes figuras e puxo como exemplo de "dubidoso proceder a deliberada desaparición das emisións da TVG da relación de Feixoo con Marcial Dorado, condenado por narcotráfico".
Tamén neste caso María Concepción Pombo defendeu a súa función e asegurou que "as decisións editoriais corresponden aos profesionais da área de información" e que, este persoal traballa na CSAG "sen interferencias alleas".
