ROBERTO UCHA (SUMAR)

"As políticas que vai impulsar Feixoo se gaña van ser de dereita pura e dura"

Roberto ‘Tito’ Ucha, candidato número 1 de Sumar ao Senado por Pontevedra.
Roberto Ucha
photo_camera Roberto 'Tito' Ucha, xubilado, foi sindicalista de CCOO.

—Di que ten temor a esa pulsión en certos sectores de volver á “España de antes”.
Ante os problemas que se formulan hai un sector importante do capital que a única alternativa que dá é como a que deu o fascismo á crise do ano 29. Des-pois da II Guerra Mundial houbo un cambio, e o capital aceptou o papel do estado á hora de decidir políticas económicas. Agora creo que estamos chegando a un punto no que ante os avances que se produciron hai unha resistencia por parte dese sectores.

—Que pode achegar Sumar neste escenario?
Por primeira vez a esquerda, ou unha parte importante da esquerda, a nivel estatal ten un espazo en común, cunha serie de puntos de coincidencia. É tamén unha esperanza de futuro para a xente deste país. Nunca houbo un Goberno de progreso como o que tivemos estes catro anos. Sumar achega, dentro dese esquema, o final dese sistema de relevos que era o bipartidismo e no que nada cambiaba. Sumar é a expresión desa aposta por querer, por exemplo, repartir a riqueza doutra forma, unha aposta por unha democracia máis avanzada, unha democracia social, onde o mercado non sexa quen decide e determina todas as cousas

—Confía en que se pode gañar a ese bloque da dereita?
O PP, que sempre reclamou o centro mais nunca foi de centro, non é quen de falar con ninguén que non sexa Vox. Non pode con ninguén máis. Vox é o que lle queda para aliarse e ter o poder. E nestas estamos, coas mentiras de Núñez Feixoo. É preocupante, non só aquí, aí é está Italia, aí está Le Pen en Francia, o que pasa en Alemaña co ascenso da extrema dereita... O PP radicalizouse cara á dereita.

—Falaba antes das mentiras de Núñez Feixoo...
Feixoo chegou ao Goberno galego en 2009. Antes había un Goberno de coalición entre o PSdeG e o BNG. Ese Goberno aprobou en 2006 a Lei de dependencia e para desenvolvela creou unha empresa con participación da Xunta que tiña como función desenvolver residencias públicas. Unha das primeiras cousas que fixo Feixoo ao chegar a Xunta foi privatizar esa empresa, pasar toda a participación pública ás caixas.

E apostar para a dependencia por DomusVi, que estaba dirixida por unha coñecida persoa do PP. E como estamos agora? Con que 80% das residencias na Galiza son privadas. Isto que conto exemplifica moi ben para min que é Feixoo. Para que despois digan por aí que Feixoo é o carácter moderado da dereita. As políticas que fai son de dereita pura. Chega a Madrid e entrégase a Díaz Ayuso e Vox para poder gobernar.

Comentarios