Podemos somete a referendo a súa confluencia mais non permite propostas alternativas ás da dirección
As bases poderán votar se concordan coa estratexia de alianzas deseñada por Iglesias.
Podemos convoca un referendo interno para que as persoas que integran a formación se posicionen a respeito da política de alianzas deseñada pola dirección política.
Neste senso, a pregunta que se lles formulará será: "aceptas que o Consello Cidadán de Podemos, en aras de seguir avanzando na construción dunha candidatura popular e cidadá, estabeleza acordos con distintos actores políticos e da sociedade civil sempre que 1) os acordos se estabelezan a escala territorial (nunca superior á autonómica) 2) manteñan sempre o logotipo e o nome de Podemos no primeiro lugar da papeleta electoral mesmo se isto implica concorrer ás eleccións xerais nalgúns territorios con fórmulas de alianza (Podemos-X)?".
En síntese, a militancia deberá votar Si ou Non ao deseño presentado por Pablo Iglesias e aprobado polo Consello Cidadán mais sen posibilidade algunha de propor unha outra opción.
A consulta foi fixada de acordo cos estatutos da formación e a estratexia que defende en concordancia coa folla de rota aprobada na Asemblea de Vistalegre.
Nas últimas semanas, diversas iniciativas que integran tamén militantes de Podemos, chamaron a organización de Pablo Iglesias a se sumar a procesos de confluencia que non tivesen Podemos como paraugas. Eis o caso de Ahora en Común, mais ás que o secretario xeral de Podemos acusou de constituír unha "chantaxe".