Afirman Pablo Iglesias e Errejón

“Podemos será o nome e eixo articulador da candidatura do cambio nas xerais”

[Imaxe: Podemos] Pablo Iglesias e Íñigo Errejón

O día após do acto de Mazarelos, no que Anova, Esquerda Unida e Podemos presentaron o pre acordo para configurar unha candidatura unitaria ás eleccións xerais, o partido de Pablo Iglesias reafirma a súa vontade de concorrer aos comicios coa súa propia marca. Non facelo, salienta, foi un problema en Catalunya.

Nunha carta aberta na que aluden aos resultados “non satisfactorios” das eleccións catalás, os responsábeis de Podemos, Pablo Iglesias e Íñigo Errejón, aseguran que “Podemos será o nome e o eixo articulador da candidatura do cambio para as eleccións xerais”. Desta maneira, o partido político reafírmase na súa idea de concorrer aos comicios do 20-D coa súa propia marca na papeleta.

Iglesias e Errejón reiteran que o feito de non presentarse en Catalunya como Podemos supuxo un problema. Neste documento, chegan a afirmar que Catalunya Si Que Es Pot, nome co que concorreron Podemos, Iniciativa per Catalunya Verds, Esquerra Unida i Alternativa, era un “nome difícil”.

“Temos a convición de que moita xente que está esperando ás xerais para votar Podemos non nos atopou o domingo entre as papeletas dos colexios electorais”, apuntan ambos os líderes na carta aberta. Engaden que “a panca para multiplicar forzas e tender a man a moita xente distinta polo cambio política e a recuperación da soberanía popular ten un nome fraguado neste nada sinxelo ano”.

Na misiva, Iglesias e Errejón volven lembrar a postura de Podemos sobre a soberanía das nacións. “España é un país plurinacional, onde conviven pobos con identidades diferentes, e nós queremos construír un futuro de soberanía popular con todos, xuntos…”.