Podemos segunda forza e o PSOE terceira, por primeira vez na historia do CIS

Lixeira suba do BNG que gaña unha décima en intención de voto (0,5%) de igual maneira que Amaiur (1%). ERC baixa do 2,3% en novembro de 2014 ao 1,6%.

Segundo o Barómetro do CIS correspondente ao mes de xaneiro de 2015 o partido de Pablo Iglesias, Podemos, converteríase en segunda forza en estimación de voto co 23,9%. O Partido Popular manteríase como primeira forza co 27,3% dos apoios. Pola contra, o PSOE tornaríase en terceira forza política por vez primeira no tempo en que se desenvolve este inquérito co 22,2% dos apoios. 

O inquérito reflicte a consolidación de Podemos a nivel electoral e sitúao mesmo como primeira forza en intención directa de voto (19,3%) seguido do Partido Popular (12,9%). O estudo tamén amosa a progresiva substitución do PSOE por parte da formación que lidera o eurodeputado e profesor da Complutense de Madrid. 

Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexistra unha lene suba en estimación de voto a respeito dos resultados recollidos polo Barómetro do CIS en novembro do pasado ano. Neste senso, incrementa unha décima pasando do 0,4 ao 0,5%. Feito que partilla tamén a organización da esquerda abertzale, Amaiur, que acada un punto. 

Pola contra, ERC baixa do 2,3% ao 1,6% ao igual que CiU que pasa do 3,8% ao 3%. Tamén o PNV perde apoios pasando do 1% ao 0,7%. 

Quen si obtén mellores pronósticos é Ciutatans que obtería, segundo o CIS, o 3,1% dos apoios en estimación de voto. Tamén así, Izquierda Unida melloraría os seus resultados após unha forte queda dos apoios no inquérito do mes de novembro. Neste senso, o estudo apunta cara á un 5,2% na estimación de voto fronte ao 4,8% ao que caera desde o 8,2% do período anterior (xullo 2014). 

Comentarios