Podemos Galiza designará secretario xeral e nova directiva o 12 de abril

Gómez-Reino e Ángela Rodríguez, deputados de Podemos en 'En Marea'

Breogán Riobóo insiste en que o seu cargo non hai que renovalo. A xestora establece que para poder optar aos órganos internos, tanto sexan candidaturas individuais como listas, haberá que contar co aval de, polo menos, un círculo ou algún órgano interno. 

A xestora que dirixe Podemos Galiza desde a disolución dos seus órganos directivos pola dirección estatal finalizou xa o deseño do calendario para o proceso de primarias, proceso que renovará dirección e designará novo secretario xeral.O actual secretario xeral, Breogán Riobóo, mantivo durante estes días o seu argumentio de que este cargo non hai que renovalo neste proceso.

O regulamento da xestora establece que do 15 de marzo ao 10 de abril elixirase unha persoa para secretario xeral, 34 membros do Consello Cidadán Autonómico e seis da Comisión de Garantías Democráticas. Os resultados serán proclamados o 12 de abril.

Avais

Para poder optar aos órganos internos, sexan candidaturas individuais ou listas, haberá que contar co aval de, polo menos, un círculo ou algún órgano interno de Podemos Galiza. O prazo para conseguilos transcorrerán entre o 15 e o 28 de marzo.

Entre o 28 e o 30 de marzo ábrese o prazo para a inscrición de candidaturas. As persoas e listas que queiran participar poden realizar o trámite a través dos espazos telemáticos habilitados por Podemos. No caso da secretaría xeral deberá incluír un documento político-organizativo. Un dos requisitos é que as listas deben ser presentadas en listas cremalleira e de xénero e ter unha composición paritaria, tal e como consta no regulamento.

Campaña

A campaña electoral das candidaturas continuará entre o 4 e o 10 de abril. Nos últimos días de campaña, estarán abertas as votacións por vía telemática (entre o 8 e o 10 de abril) e a proclamación das candidaturas será o martes 12 de abril.No regulamento interno tamén se recolle que os círculos e órganos internos deberán manter a súa neutralidade. Esta situación o que implica é que dende as contas oficiais (redes sociais, correo electrónico e outros) non se poderá facer difusión de candidaturas concretas, senón que "soamente do proceso no seu conxunto".

Listas

Segundo o regulamento interno, ao que tivo acceso Europa Press, a elección ao Consello Cidadán e á Comisión de Garantías realizarase a través de listas abertas, de maneira que aínda que se presenten listas completas, cada elector poderá elixir ou vetar os integrantes desas candidaturas.