Gómez Reino adianta listas moradas “no maior número de concellos”

Podemos escollerá os cabezas de lista para as municipais após o verán

O secretario xeral de Podemos na Galiza, Antón Gómez-Reino (Nós Diario).

A localidade de Mouriscade en Lalín acolle ao longo desta fin de semana unhas xornadas de Podemos. O encontro ten, en palabras dos organizadores, un carácter formativo e de posta en común da experiencia por parte dos adheridos. Os actos serán clausurados polo secretario xeral da formación na Galiza, Antón Gómez Reino.

Os asistentes ás xornadas de Podemos en Mouriscade contan coa presenza de significados dirixentes da formación a nivel galego e estatal. Así, entre os primeiros atópanse Antón Gómez Reino, a concelleira da Coruña Isabel Faraldo, a concelleira de Vilagarcía María de la O Fernández, o secretario de organización da formación, Borja San Ramón ou a voceira Verónica Hermida.

A secretaria de Estado de Igualdade, Ángela Rodríguez, a directora do Injuve, María Teresa Pérez, o secretario xeral do grupo parlamentario confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Comús, Txema Guijarro, o deputado Gerardo Pisarello ou a deputada na Asemblea de Madrid, Alejandra Jacinto son algúns dos cadros de Podemos do resto do Estado presentes no encontro.

 

A vista posta nas municipais

Podemos realiza este encontro coa vista posta nas municipais. Segundo sinala a Nós Diario, Borja San Ramón, o proceso de preparación das elección locais arrancou “hai un ano cun proceso de captación e reactivación da militancia que supuxo a incorporación de numerosas simpatizantes que deron o paso á participación activa co obxectivo de facer política nos seus concellos para mellorar as vidas dos seus veciños e veciñas.

O secretario de organización da formación adianta que “ este proceso continúa cara unhas primarias que se celebrarán despois do verán e nas que se elixirán as candidaturas de Podemos para as municipais, o que non quita que logo se celebren procesos posteriores nalgúns concellos”.

San Ramón agarda que “os equipos que terán a responsabilidade de pilotar estes meses que quedan para as eleccións coa intención de sumar e crear unha alternativa o máis ampla posible xunto a outras organizacións e colectivos das súas vilas”.

 

“Reforzar a organización”

Verónica Hermida insiste na importancia do traballo organizativo desenvolvido polo partido morado no último  ano. A este respecto, destaca, en declaracións a Nós Diario, “que o traballo desenvolvido dende a Secretaría de Organización durante este tempo está sendo moi positivo á hora de reforzar a organización con caras novas e ilusións renovadas”.

A voceira de Podemos na Galiza aposta por “seguir crecendo na liña que levamos para estar en disposición de afrontar con forza o ciclo político que vén” e lembra que “somosun partido político con moi pouco tempo de vida que tiña como tarefa pendente a creación das estruturas locais e a isto nos estivemos dedicando estes dous anos, coas dificultadas engadidas da pandemia”.

Podemos na Galiza  está centrado nas eleccións locais. Neste sentido, o secretario xeral da formación, Antón Gómez Reino, afirma que “Podemos estará presente nas próximas municipais no maior número de concellos galegos sumando con aquelas organizacións, movementos sociais e cidadáns que queiran mellorar os seus pobos e as vidas da veciñanza”.