O 'plantón' das comunidades do PP non evita que vaia adiante a 'quita' da débeda á Galiza

O Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) aprobou esta cuarta a proposta que inclúe unha condonación de 4.010 millóns de euros da débeda galega. Fíxoo malia que os conselleiros e conselleiras das 11 comunidades do PP abandonaron a reunión. A 'quita' da débeda vai agora ao Congreso para o seu debate e votación. 

 

in
Arriba, a ministra María Jesús Montero presidindo a reunión do Consello de Política Fiscal. Abaixo, intervención da conselleira de Facenda de Madrid, Rocío Albert, acompañada do seu homólogo na Galiza, Miguel Corgos, e do resto de representantes dos gobernos do Partido Popular. (Foto: Europa Press)

N on se chegaba nin á hora de reunión cando os 14 conselleiros e conselleiras das comunidades gobernadas polo PP, entre elas Galiza, levantaron da mesa e marcharon esta cuarta feira da reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), onde se ía falar e votar a proposta de condonación de débeda ás autonomías. Unha 'quita' de máis de 82.000 millóns de euros en total, dos que 4.010 millóns corresponden á débeda que secondona á Galiza.

Estes conselleiros e conselleiras de Economía e Facenda marcharon da reunión que lideraba a vicepresidenta primeira española, María Jesús Montero, antes mesmo de votar en contra desa 'quita' e sen presentar  unha proposta alternativa.

Foi Miguel Corgos, conselleiro da Xunta da Galiza, quen pediu a palabra no CPFF para anunciar en nome das comunidades do PP a desconformidade coa proposta, e foi el quen ensinou á vicepresidenta o documento conxunto que os conselleiros e conselleiras de Facenda populares subscribiron para mostrar a súa desconformidade co contido da xuntanza. Despois, marcharon. "Non imos ser cómplices das cesións permanentes ao independentismo", dixo a conselleira andaluza, Carolina España, ante a prensa arroupada polo resto de representantes do PP.

O conselleiro de Facenda da Galiza, Miguel Corgos, afirmou que as comunidades do PP non estaban dispostas a aceptar un "trágaa". "Imos defender que non se siga agraviando á nosa comunidade autónoma", asegurou, afirmando que a reunión ía ser "simplemente unha sesión de branqueo dun acordo bilateral".

Proposta aprobada

O 'plantón' do PP non tivo efecto algún agás o mediático. A proposta de condonación de débeda foi aprobada na reunión desta cuarta feira. O Ministerio de Facenda precisaba o apoio dunha única comunidade —ten a metade dos votos no Consello— para sacala adiante, e tivo os dos representantes de Catalunya, Asturies e Castela-A Mancha, as tres comunidades que non marcharon da reunión e as tres gobernadas polo PSOE.

Agora a proposta irá ao Congreso, onde será albo de debate e votación. Montero xa dixo que espera ter aprobada antes de que finalice o ano esta Lei orgánica. A ministra cargou con dureza contra o PP, ao que acusou dunha "deslealdade inédita" por abandonar a xuntanza. "Carece de sentido de Estado", afirmou.

Sesión de control

Alfonso Rueda, presidente da Xunta da Galiza, encargouse pola mañá, durante a sesión de control no Parlamento, de volver deixar clara a postura que o Goberno galego ía levar ao CFFP. A condonación de un de cada tres euros da débeda pública galega "é un negocio ruinoso" para a Galiza, afirmou na Cámara. A 'quita' non é máis que unha medida do Goberno español para ter "un pouco de respiración asistida máis" por parte do independentismo, dixo, e acusou a oposición de "enganar" os galegos e as galegas con "disparates". "Se nos fosen dar 4.000 millóns de euros, claro que os queremos. Se é así, xa lle digo que si que queremos a condonación. Imos vostede [Ana Pontón, portavoz do BNG], o señor Besteiro [José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG] e eu a Madrid a por eles e logo vemos aquí como os repartimos. Con iso podemos pagar os billetes tamén", manifestou o mandatario galego, entre os reiterados aplausos da súa bancada.

"Eu non esperaba ter que vir aquí explicar ao presidente da Xunta o que é unha 'quita'. É de primeiro de Economía. Sabe cal é o problema? Vostede estalle dicindo aos galegos e ás galegas que unha redución da débeda de 33% non significa máis dispoñibilidade de recursos para a Xunta. Deixe xa de mentir para xustificar a súa submisión a [Alberto] Núñez Feixoo e a Madrid", replicou Pontón. Para ela, Rueda está a demostrar co seu posicionamento neste tema ser "o campión do servilismo, o presidente máis antigalego da historia". O rexeitamento da condonación é propio dun Rueda "cegado polo centralismo" e "o servilismo a Madrid", dixo. Por último, a nacionalista indicou que o "traballo difícil fíxoo o BNG" —arrincar o compromiso da condonación do pasivo á Galiza—, polo que o Goberno galego só debe aceptar a 'quita'. "Se non lle parece suficiente, negocie máis", reprochoulle, "pero non a rexeite".

Gómez Besteiro, na mesma liña, demandou "responsabilidade" ao presidente da Xunta e insistiu en que os 4.000 millóns que rexeita o PP "poden financiar vivenda, sanidade e educación".  O líder socialista pediu ao mandatario que "evite o ridículo e evite o problema" e acepte a condonación. "Fágao", instouno, "por sentido común e sentido de Estado". Para Besteiro o 'non' do Goberno galego só se explica por criterios partidistas: "Se esta proposta a fixese o PP diría que Feixoo é un marabilloso líder".

O Movemento Sumar Galicia tamén se pronunciou esta cuarta sobre a débeda e a proposta de condonación. Considéraa un paso positivo" mais "insuficiente" e, ademais de remarcar que é preciso "avanzar" no novo financiamento autonómico, advertiu de que "un mal negocio para Galiza son os números de trilero" de Rueda.

Comentarios