Planas aclara que a peste porcina non afecta os seres humanos e buscará limitar "o máximo" o impacto económico sobre o sector

"É a provincia de Barcelona a que quedaría excluída das exportacións e estamos en contacto coas autoridades chinesas (...). Nada máis podo indicar neste momento", aseverou o ministro.
O ministro Luís Planas, o pasado sábado 29 de novembro. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)
O ministro Luís Planas, este sábado 29 de novembro. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)

O ministro español de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, aclarou este sábado que a peste porcina africana que reapareceu en Catalunya nos últimos días non afecta os seres humanos, mais admitiu o impacto económico que terá para o sector e asegurou que pelexará para limitalo "ao máximo".

Nos últimos dous días apareceron en Barcelona seis cadáveres de xabarís que portaban a peste porcina africana, algo que non se vía no conxunto do Estado español desde 1994. Xa se cercaron 20 quilómetros na área onde apareceron os animais, nunha contorna na que hai até 39 explotacións porcinas.

Neste escenario, Planas compareceu nunha rolda de prensa para trasladar toda a información que ten sobre este episodio. O ministro explicou que dos seis casos detectados só dous foron xa certificados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete.

Aínda que admitiu a magnitude do suceso, quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía porque o abastecemento de carne de porcino "está asegurado" e non "cabe a posibilidade de transmisión ou contaxio" para seres humanos. A continuación, pediu toda a prudencia posíbel ao sector produtivo e adoptar todas as medidas necesarias en materia de vixilancia e bioseguridade para acoutar o sucedido e que non se propague.

Sucedeu en Bélxica e Italia

Durante a súa comparecencia, Planas comentou que o caso de agora é comparábel a un que ocorreu en 2018 nas Ardenas (Bélxica) e a outro nas inmediacións de Roma (Italia) en 2022. O ministro lembrou que tal como sucedeu naquelas dúas ocasións, desde o momento no que se declara que hai un caso de peste porcina africana ten que pasar un ano para que o Estado se declare libre de peste porcina.

No que respecta ao comercio exterior, o ministro lembrou que as vendas do sector ascenden a 8.800 millóns de euros no conxunto do Estado español, dos cales 5.100 millóns expórtanse á UE e non están afectados polo caso ocorrido en Barcelona.

Preocupación por 3.700 millóns de euros

Con todo, hai outros 3.700 millóns que se exportan a terceiros Estados e onde a China xoga un papel importante con 1.100 millóns nos que o Goberno español si mantén unha alerta polo impacto que poida ter a reaparición de casos de peste porcina.

O ministro sinalou que dos 44 Estados que exixen requisitos sanitarios específicos para a peste porcina africana, hai 24 deles que non teñen recoñecida a rexionalización do produto dentro do Estado español, mais outros 20 si o fan (entre os que se atopan a China, o Xapón, México ou Vietnam) e xa fecharon as portas a Barcelona.

"É a provincia de Barcelona a que quedaría excluída das exportacións e estamos en contacto coas autoridades chinesas (...). Nada máis podo indicar neste momento", aseverou o ministro. O titular de Agricultura tamén dixo que dos 400 certificados de exportación para produtos de porcino, un terzo atópanse bloqueados nestes momentos e estase traballando para que poidan desbloquear "á maior celeridade".

Con este panorama, Planas dixo que o obxectivo principal agora é "limitar o impacto económico" do suceso, sobre todo tendo en conta o papel que xoga o porcino na economía estatal, ao ter unha cota do 40% na produción final gandeira e o 17% da produción final agraria. Así mesmo, o Estado español é o primeiro produtor da Unión Europea e o terceiro do mundo despois da China e dos Estados Unidos.

Descoñécese a orixe

Sobre o inicio do contaxio, Planas dixo que se está investigando e que é "moi difícil" obter unha resposta. Entre as hipóteses que se barallan, podería ser o desprazamentos dos xabarís silvestres, a inxesta por parte dos xabarís de algún produto que desencadease a enfermidade ou levar ás zonas onde sucedeu o episodio xabarís para a cría.

O ministro dixo que non ten cifras concretas sobre a afectación deste episodio naqueles Estados que teñen un acordo de rexionalización, mais aseverou que pelexará "expediente por expediente", "país por país" e "certificado por certificado" para limitar "o máximo" o impacto sobre o sector.

Luís Planas reunirase a segunda feira co sector produtor para analizar a situación e a cuarta feira haberá unha reunión de seguimento da rede de alerta sanitaria veterinaria con presenza de todas as comunidades autónomas. Así, mandou unha mensaxe de apoio ao sector porcino e salientou que desde o Goberno español se seguirá traballando para limitar "o máximo" o impacto económico deste episodio.

Comentarios