O plan contra as agresións no Sergas inclúe o ciberacoso
A reforma da lei galega de saúde encamiñada a protexer as e os profesionais sanitarios castiga a violencia dixital da que poida ser obxecto este colectivo –por parte de paciente sou familiares– e determina que, en casos graves ou moi graves, o agresor poderá ser asignado a outro profesional e incluso a outro centro de saúde. Tamén aspira a regular as gravacións en consulta e sitúa facelo sen permiso como un motivo de perda de confianza que permitiría á sanitaria ou ao sanitario afectado desligarse do paciente.
A proposta chega nun escenario no que as agresións están á alza –máis de 850 profesionais do Sergas comunicaron o ano pasado ser vítimas "dalgún tipo de violencia", máis de 340 de tipo físico–, con reiteradas protestas nos últimos meses en distintas áreas sanitarias da Galiza.
Así o avanzaron esta terza feira ao remate da xuntanza semanal do Executivo galego tanto o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, como o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño. Ambos debullaron as novidades da proposta, como a inclusión de persoal técnico de emerxencias ou do 061 dentro do colectivo sanitario a protexer, un novo réxime sancionador con multas que van desde os 300 aos 15.000 euros, ou a dispoñibilidade da Asesoría Xurídica da Xunta sobre as accións ou denuncias que o persoal sanitario considere interpor.
A normativa será de aplicación en todos os centros asistenciais da sanidade pública galega e Rueda agarda tela aprobada "canto antes" e, en todo caso, ao longo de 2026.
A Xunta recorre o reparto de menores migrantes
Aliás, o Goberno galego autorizou onte recorrer ante o Tribunal Supremo os decretos que desenvolven o decreto lei de reparto dos menores migrantes entre as comunidades autónomas –un relativo ao procedemento e outro á capacidade de acollida–, que xa no seu día levara, ao igual que outras autonomías gobernadas polo PP, ao Tribunal Constitucional.
A decisión, a proposta da Consellaría de Política Social, conta coa validación da Asesoría Xurídica galega, segundo afirmou esta terza feira Rueda, que explicou que foi tomada nun contexto no que o Goberno estatal "non colaborou" no reparto. A xuízo da Xunta, optouse pola vía da "imposición", sen "planificación" nin financiamento "suficiente".

