Persoas afíns a Anxo Quintana rexistan Somos Nós como partido político

Segundo puido saber Sermos Galiza, persoas afíns a Anxo Quintana rexistaron nunha notaría de Ponteareas, o pasado 3 de febreiro, un partido político baixo a denominación de Somos Nós, o nome da plataforma que o ex vicepresidente da Xunta presentou en Compostela este sábado 21 de febreiro.

Somos Nós

Arredor de 100 persoas participaron este sábado en Compostela na presentación de Somos Nós, unha entidade que, segundo a súa propia web, se define como unha "comunidade cívica, plural, democrática e aberta na que podemos participar todos e todas".

Na súa estrea ante a sociedade, Anxo Quintana -o impulsor desta organización- afirmou que Somos Nós non vai competir na area eleitoral, embora si teña unha posición ideolóxica clara, que concretizou na aposta por unha "nova política".

Porén, Quintana deixou unha frase que permite todo tipo de especulacións sobre a evolución futura de Somos Nós: "Somos Nós será no futuro o que Somos Nós decida".

A sexta feira pasada, Quintana declarou na TVG: "Somos Nós é un movimento social, é unha entidade que non é un partido político"

A pasada sexta feira, Anxo Quintana foi entrevistado na Televisión de Galiza. A xornalista interesouse por saber que forma concreta iría adoptar Somos Nós, partindo da base de que "non estamos a falar dunha formación política en stricto senso". Quintana respondeu que "Somos Nós é un movimento social, é unha entidade que non é un partido partido e á que poden pertencer persoas que poden estar en partidos e tamén -e sobre todo- persoas que non están en ningún partido político".

En todas as súas declaracións públicas, o ex vicepresidente da Xunta ten posto o acento en que o seu retorno ao escenario non está guiado pola intención de se voltar a candidatar a cargos de carácter político, orgánico ou público.

Aliás, persoas próximas a Anxo Quintana acudiron o 3 de febreiro a unha notaría de Ponteareas para rexistar Somos Nós como partido político.

Entre esas persoas -en concreto son 4 nomes- figura Roberto Mera, ex líder local do BNG en Ponteareas e ex membro da Executiva Nacional da formación frentista. Quen non aparece como promotor, formalmente, do partido é Anxo Quintana.

Segundo puido saber Sermos Galiza, o itinerario da marca Somos Nós ten sido até agora o seguinte. En primeiro termo foi rexistrada como asociación sen ánimo de lucro, isto é, como unha entidade de carácter cívico. Após diso, Somos Nós foi inscrita na Oficina de Marcas de España. Canda ela foi inscrita tamén, como denominación alternativa, XnósMesm@s. Finalmente, produciuse na notaría de Ponteareas a constitución de Somos Nós como partido politico.

Na acta de constitución de Somos Nós como partido aparece o que sería o seu primeiro comité executivo, presidido por Roberto Mera

Na acta de constitución de Somos Nós como partido político aparece o que sería o seu primeiro comité executivo, composto polas seguintes persoas e cargos: Roberto Mera, presidente; Isabel Blanco Rivas, vicepresidenta; Xurxo López Martíns, secretario; Emilio Rodríguez Otero, vocal-tesoureiro.

Os promotores do novo partido solicitan na acta notarial que "unha vez depositada copia da presente escritura no Ministerio do Interior, se proceda á inscrición do Partido constituído no Rexistro correspondente, no prazo legal".

Organización unitaria sen correntes

Sermos Galiza tivo acceso tamén aos estatutos de Somos Nós. Neles a organización defínese -artigo 2, Fins- como un "partido político constituído para contribuír democraticamente á determinación da política e á formación da vontade política da cidadanía", desde a afirmación da "identidade nacional de Galicia" e da súa "personalidade lingüística e cultural e dos seus intereses sociais, económicos, políticos e culturais".

Aliás, Somos Nós márcase como fin da súa organización "o desenvolvemento social e económico continuado, equilibrado e ambientalmente sustentábel e a mellora da calidade de vida e do benestar social do conxunto da cidadanía e da poboación de Galicia no marco dun Estado de benestar que compatibilice a economía social de mercado con servizos públicos precisos para corrixir as súas deficiencias".

Somos Nós constituiríase como unha organización unitaria de "adscrición voluntaria e individual" que non admite "a articulación e funcionamento de grupos ou correntes organizadas". Os seus órgaos nacionais serían a Asemblea Nacional, o Consello Nacional (composto por 20 persoas eleitas pola Asemblea e outras 12 territorialmente), o Comité Executivo Nacional (composto por un máximo de 9 persoas) e a Secretaría Xeral. 

O sistema de listas abertas será o mecanismo básico "para a elección de cargos".

Comentarios