O persoal volve denunciar o mal estado das dependencias municipais en Vigo tras caer unha xanela sobre unha traballadora

Xanela rota no Concello de Vigo. (Foto: Comité de persoal do Concello de Vigo)
O Goberno municipal atribúe o incidente a que a xanela estaba aberta nun día de "fortes ventos".

O comité de empresa e a xunta de persoal do Concello de Vigo denunciaron esta terza feira novamente o mal estado dalgunhas dependencias municipais, entre elas, as propias oficinas do consistorio en Praza do Rei, tras desprenderse unha ventá na novena planta do Concello e caer sobre unha traballadora.

A representación do persoal alertou da "situación de deterioración e abandono" que padecen as instalacións municipais, nas que traballan centos de persoas, e sinalaron que o incidente coa xanela, ocorrido "recentemente", "puido ter consecuencias tráxicas" e "evidencia os serios riscos".

O comité e a xunta explicaron que a situación "non é nova" e que xa se trasladou hai unha semana á concelleira Olga Alonso nunha reunión de prevención de riscos laborais, na que se pediu que levasen a cabo reparacións e actuacións "planta por planta" en todo o edificio consistorial.

Segundo o órgano de representación do persoal, "as instalacións presentan pingueiras, humidades, desprendementos nos teitos, presenza de mofo, sistemas eléctricos obsoletos, xanelas en mal estado, mobiliario deteriorado, baños en condicións indignas, problemas de ventilación e climatización, ascensores que fallan constantemente, etc.". "Todo isto configura unha contorna laboral claramente insalubre e insegura", denunciaron.

Explicacións do Goberno local

Pola súa parte, o Goberno municipal vigués remitiu un comunicado aos medios de comunicación no que matiza que a xanela desprendida a pasada semana é abatíbel e que o día que se desprendeu, no que se rexistraban "fortes ventos", estaba "aberta".

"Ao tentar fechar a xanela, a forza do aire venceu a suxeición da mesma. Á beira desta estrutura había xanelas fechadas que non sufriron dano algún. Nestes momentos xa estamos a repor a xanela", concluíu o Executivo nun comunicado.