Pérez Xácome abandona o debate electoral na CRTVG por non asistiren PSOE e PP
Na mañá desta quinta feira, a Radio Galega e a TVG emitían o debate electoral para a cidade de Ourense de cara ao 28-M.
Se ben no debate faltaban os candidatos do PSdeG, Francisco Rodríguez e do PP, Manuel Cabezas, si que estaban presentes desde o comezo os candidatos do BNG, Luís Seara; de Ciudadanos, José Manuel Gómez e o de Democracia Ourensá e actual alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Xácome.
Con todo, pouco despois do inicio do debate, Xácome decidía levantarse e abandonar o estudo da Radio Galega e desa forma o debate ficando só os candidatos de BNG e de Ciudadanos.
O motivo
O motivo para abandonar debate, segundo o propio rexedor, é que “non estaban nin PP nin PSOE”.
Pola súa parte, tanto o PP como o PSdeG aludiron como motivo de non ter acudido ao debate que ía estar Xácome presente, segundo puido saber Nós Diario.
A pesar do contratempo, o debate continuou mais só con dous dos candidatos á Alcaldía da que é a terceira cidade da Galiza.