‘Pensar Galiza’: BNG suma voces e experiencias para a elaboración do seu programa electoral

A formación nacionalista impulsa encontros de traballo abertos con persoas expertas nas materias de políticas sociais, sectores produtivos, ecoloxismo e lingua e cultura, entre outros, para elaborar o programa co que concorrerán ás eleccións galegas.

photo_camera Rubén Cela e Olalla Rodil (BNG), na presentación de #PensarGaliza

O Bloque Nacionalista Galego, coa súa candidata á Xunta, Ana Pontón, xa proclamada, continúa engraxando a súa maquinaria electoral coa activación, agora, de grupos de traballo abertos máis aló da súa militancia para elaborar o programa co que se presentarán ás galegas. "Estamos preparadas absolutamente para cando se convoquen, sexan cando sexan, iremos a por todas", dixo a vice coordinadora de Comunicación da Executiva do BNG, Olalla Rodil.

De feito, ante a hipótese de que se produza un adianto electoral, sexa ou non propiciado pola convocatoria das eleccións vascas, Rodil asegurou que as nacionalistas "van cos deberes feitos" e perciben que "máis galegos e galegas" queren que o Bloque "lidere" un proxecto de cambio.

Seguros, as nacionalistas galegos, de que Núñez Feixoo convocará "para beneficiar os seus interese e en ningún caso o dos galegos e galegas", a tamén deputada indicou que, mellor, "que sexan canto antes, porque hai unha maioría que quere cambio" en San Caetano.

"Fronte a Galiza en retroceso do PP, a Galiza en marcha do BNG", propuxo Olalla Rodil

"Dános o mesmo", insistiu a viceportavoz na Cámara galega. Iso si, expresou que, canto antes sexan, "este país poderá comezar unha etapa nova" máis pronto.

Olalla Rodil remarcou que o Bloque está a traballar "arreo" e "de maneira moi intensa" para as eleccións galegas, coa idea dunha "Galiza en marcha, viva, dinámica e innovadora, que aproveite o seu inmenso talento e potencialidade". "Un país que ofreza condicións de vida dignas, que recupere os seus dereitos e supoña un punto de inflexión fronte a Galiza minguante", describiu, antes de engadir: "Fronte a Galiza en retroceso do PP, a Galiza en marcha do BNG".

Así as cousas, o BNG organizou grupos de traballo temáticos para abordar os "grandes retos" que hai por diante, para establecer unha "interlocución e un diálogo aberto" cos sectores "máis vivos do país e representativos da diversidade social e económica" de Galiza.

Rodil destacou o proxecto "sólido e solvente" do BNG que, agora, completarase con esta iniciativa denominada 'Pensar Galiza', para o que contarán con persoas expertas nas materias de políticas sociais, sectores produtivos, ecoloxismo e lingua e cultura, entre outros.

"Para avanzar, este país necesita un proxecto propio, non valen copias, e aí é onde nos queremos situar con esta iniciativa. Galiza é talento, creatividade e modernidade", aseverou.

Pola súa banda, a coordinador da área de relacións internacionais na Península da Executiva do BNG, Rubén Cela, explicou os bloques nos que están divididos os grupos de traballo: emprego e desenvolvemento económico; igualdade real e dereitos sociais; servizos públicos; demografía e situación do país; e un gran bloque de lingua, cultura e identidade.

Empezarán a traballar esta mesma semana. Así, o sábado 8 haberá un encontro co sistema universitario galego e o mundo da investigación, ciencia e innovación. Estará coordinado por Salustiano Mato, ex reitor da Universidade de Vigo e exalto cargo de Innovación co bipartito.

O 15 de febreiro será a quenda para falar de igualdade, feminismo e diversidade sexual, coordinado pola ex secretaria xeral de Igualdade da Xunta co bipartito, Carme Adán.

O 29 de febreiro, Mercedes Queixas, secretaria da Asociación de Escritores en Lingua Galega (Aelga), dirixe un foro sobre política lingüística; mentres que o ex conselleiro nacionalista de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, fará o propio sobre a área que dirixiu na Xunta.

O 7 de marzo, Alberte García, técnico cultural, coordinará un grupo desta área; e María do Carme García Negro, doutora en economía e experta no sector, preside o foro sobre mar e pesca. Quedan pendentes de organizar outros foros en materias como vivenda, educación, sanidade e servizos sociais.

Comentarios