Pedro Sánchez: “O peor está por vir”

Pedro Sánchez nunha comparecencia anterior. (Ricardo Rubio / Europa Press)

O presidente español, nunha mensaxe televisada, pide “coraxe” e “unidade” para afrontar a vindeira semana e advirte que “a onda máis danosa está por vir”.

Pedro Sánchez ofreceu na noite deste sábado unha mensaxe televisada ao se cumprir unha semana da aprobación do estado de alarma para combater o coronavirus. Unha comparecencia desde La Moncloa na que o presidente español defendeu a xestión da pandemia feita nestes días polo seu Goberno  para alén de querer trasladar unha mensaxe de ánimo á cidadanía e advertir que o máis duro aínda fica por vir.

"Adoptamos as medidas máis drásticas e estritas de Europa e do mundo", dixo Sánchez, para frear o golpe de crise sanitaria, económica, laboral e social que supón a pandemia do coronavirus.

"Adoptamos as medidas máis drásticas e estritas de Europa e do mundo", dixo Sánchez

Asegurou que a estratexia marcada polo seu Executivo contra o virus está avalada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e pola comunidade científica. Instou a evitar "reproches", dada a gravidade do momento. A crítica ao Executivo, demandou, debe posporse á loita contra o virus. "Agora o deber é manter a unidade", afirmou.

Sánchez advertiu de que o peor aínda está por chegar: "Estamos nun momento moi crítico. Haberá días moi duros para os que teremos que estar preparados ", recoñeceu. "Por desgraza, os casos aumentarán nos vindeiros días", anunciou. "Está por chegar a onda máis danosa"

Os territorios máis afectados, sinalou, son especialmente a Comunidade de Madrid e, "en menor medida", Catalunya e Euskadi. Porén, rexeitou fechar Madrid.

Reiterou que o Goberno español adoptou "as medidas de contención máis duras de Europa e do mundo". E que seguirá facéndoo como sexa necesario: "Intentamos prever novos problemas e responderémolos con forza e coa maior celeridade posible", asegurou.