Internacional

O Goberno español inclínase por prorrogar o estado de alarma

O Executivo de Pedro Sánchez tomará unha decisión definitiva a respecto disto a vindeira semana, cando dispoña dos datos que lle permitan valorar o impacto das medidas de confinamento.
O presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, coa ex portavoz do PSOE no Congreso, Adriana Lastra. (Imaxe: Óscar Cañas / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, coa portavoz do PSOE, Adriana Lastra, onte no Congreso (Imaxe: Óscar Cañas / Europa Press)

O Goberno do Estado inclínase a día de hoxe por prorrogar o estado de alarma decretado para combater a pandemia do coronavirus, pero tomará unha decisión definitiva a respecto disto a vindeira semana, cando dispoña dos datos que lle permitan valorar o impacto do confinamento ao que se someteu desde o domingo pasado á poboación, informan a Europa Press fontes do Executivo de Pedro Sánchez.

Só unha mellora moi drástica no número de afectadas, o que se considera improbábel, podería levar ao Executivo a cambiar de opinión, sinalan as fontes consultadas, que na actualidade ven practicamente inevitábel a solicitude da prórroga ao Congreso das Deputadas. Esta petición á Cámara Baixa para que amplíe o estado de alarma ten que ser por un período de tempo concreto, sen prexuízo de que o Goberno poida volver solicitar novas prórrogas no futuro se o considera necesario.

O Executivo non ten decidido aínda por canto tempo solicitará a nova prórroga, se será por outros 15 días, ou por un período máis longo ou máis curto. Todo dependerá, inciden as fontes consultadas, do efecto que mostren as medidas impostas até o momento. Se empezan a reflectir o impacto buscado, a prórroga podería limitarse a unha semana máis ou se podería abrir un pouco a man no nivel das restricións vixentes até agora.

Dentro do Goberno español ven difícil endurecer aínda máis o estado de alarma. Consideran que hai pouca marxe para iso, máis aló de pasar a prohibir os desprazamentos para acudir ao posto de traballo, o que se permite na actualidade.

No segundo día de vixencia do estado de alarma, o ministro de Transportes, José Luis Ábalos, un dos membros do Executivo que forman parte do cadro de mando de xestión desta situación, xa deslizou que sería moi probábel ter que prorrogar o estado de alarma porque 15 días eran poucos para gañar o combate á enfermidade. Con todo, após as súas palabras, o resto de membros do Goberno, incluído o presidente, Pedro Sánchez, coidáronse moito de non dar por feito a prórroga.

Aproveitar o Pleno do día 25

De confirmarse esta necesidade, o lóxico sería que o Goberno aproveitase o Pleno que hai convocado no Congreso das Deputadas o día 25 para conseguir a preceptiva autorización para prorrogar o estado de alarma. De feito, na orde do día provisional dese Pleno xa se previu a eventualidade de engadir un novo punto co debate e votación da ampliación do estado de alarma, se así o solicita o Goberno, que antes tería que aprobalo no Consello de Ministras.

A declaración do estado de alarma non precisa referendo do Congreso, pero a súa prórroga si, e nese trámite os grupos parlamentares poden facer propostas para limitar ou ampliar o seu alcance. Para o Pleno do día 25 está prevista a  convalidación dos últimos decretos leis aprobados polo Goberno, que necesitan este aval para seguir vixentes.

Comentarios