Patricia García será a nova directora xeral de Pesca tras o cesamento de Antonio Basanta

Basanta deixa o seu posto na Administración galega para formar parte do equipo do novo comisario de Pesca do Executivo da Unión Europea (UE), Costas Kadis, de quen será asesor. 
Antonio Basanta foi cesado. (Foto: Xoán Crespo)
Antonio Basanta foi cesado. (Foto: Xoán Crespo)

Patricia García foi nomeada no Consello da Xunta da Galiza como nova directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, un posto clave na Consellaría do Mar que até agora ocupaba Antonio Basanta, quen foi cesado.

Deste modo, García será o relevo dun Basanta que deixa o seu posto na Administración galega para formar parte do equipo do novo comisario de Pesca do Executivo da Unión Europea (UE), Costas Kadis, de quen será asesor. 

A nova directora xeral de Pesca é licenciada en Dereito pola Universidade de Oviedo e veciña de Foz (A Mariña). Ademais, é funcionaria da Xunta desde 2013, segundo explicou o Goberno galego nun comunicado co que informou do seu nomeamento.

Breve experiencia no sector pesqueiro

Patricia García ten experiencia no sector pesqueiro, aínda que  breve, pois entre o 25 de maio do 2021 e o 15 de decembro do 2022 foi xefa de sección de administración xeral e persoal na Xefatura Territorial da Consellaría do Mar en Celeiro (Viveiro, A Mariña).

Desde aquel momento e até esta sexta feira, exerceu de xefa do Servizo de Dependencia e Autonomía Persoal no departamento territorial da Consellaría de Política Social en Lugo.

Comentarios