O Parlamento despídese até setembro coas críticas da oposición aos recortes sanitarios

Co aumento da incidencia do coronavirus na Galiza e as críticas dos sindicatos e asociacións de pacientes polos feches de camas hospitalarias no verán (que sitúan en máis de 600), a sanidade enfrontou os grupos políticos no último pleno do Parlamento galego deste período de sesións.
Os conselleiros García Comesaña e Valeriano Martínez, no pleno (Foto: Arxina)
photo_camera Os conselleiros García Comesaña e Valeriano Martínez, no pleno (Foto: Arxina)

A Cámara aprobou -cos votos afirmativos do PP- unha proposta para instar o Goberno do Estado a retirar o se recurso no Constitucional contra a reforma da Lei de saúde galega. Na proposta, o PP denuncia "un agravio comparativo" respecto á lei de Balears, pois consideran que esa ten "contidos idénticos" á norma galega pese a non ser recorrida.

Foi entón cando o deputado socialista Julio Torrado acusou o PP de "mentir", pois asegurou que entre ambas as leis si hai diferenzas”, xa que o texto da Xunta permite facer obrigatoria a a vacinación a toda a poboación e en Balears limítase a “grupos determinados en momentos determinados”. 

Ademais, o PSdeG reclamou un novo modelo para Atención Primaria coa incorporación dun maior número de profesionais e a mellora das condicións laborais para reducir a eventualidade.

Finalmente, Torrado denunciou que a Galiza ten hoxe 1.000 profesionais menos que en 2009.

Centro de saúde en Marín

Representantes da Plataforma pola defensa do centro de saúde de Seixo (Marín) acudiu convidada ao pleno polo BNG con motivo da pregunta que a formación nacionalista realizou ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, “sobre as medidas para garantir o persoal e a asistencia  digna no centro de saúde de Seixo ante o anuncio do Sergas de non cubrir todo o seu persoal de modo permanente”, en referencia aos profesionais que se xubilan e collen vacacións neste centro. 

O conselleiro comprometeuse a quen non haberá menos servizos no centro de saúde de Seixo. 

"Represalia" en Verín

O PSdeG tamén exixiu á Xunta que "pare a sanción inxustificada" contra o xefe de xinecoloxía do hospital de Verín, Javier Castrillo, xa que a consideran unha represalia política contra o doutor por terse significado na loita contra o fechamento da sala de paridoiros en Verín que pretendeu levar a Xunta.

Comentarios