Europeas

O pai do venezuelano Leopoldo López súmase á campaña do PP en Galiza

Leopoldo López Gil, candidato do PP á eurocámara e pai do opositor venezuelano de mesmo nome, parabenizou desde Compostela as posicións mantidas polo PP en Europa sobre Venezuela.

D6ri5CsXsAAJvzv
photo_camera Mon, Tellado e López [Imaxe: @ppdegalicia]

A campaña das eleccións europeas do PP na Galiza contou coa participación de Leopoldo López Gil, membro número 12 da candidatura da dereita ao Parlamento Europeo e pai do opositor venzuelano Leopoldo López.

O candidato ao Parlamento Europeo, López Gil, visitou Santiago acompañado polo secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado e do eurodeputado e tamén candidato Francisco Millán Mon. Aproveitaron a mañá desta quinta feira para manter unha reunión con venezuelanos e venezuelanas na sede do Partido Popular na capital galega.

Xuntos recoñeceron que grazas ao papel das e dos eurodeputados do PP conseguiuse o recoñecemento de Juan Guaidó

Xuntos recoñeceron que grazas ao papel das e dos eurodeputados do PP conseguiuse o recoñecemento de Juan Guaidó como presidente encargado de Venezuela, en detrimento do electo polas urnas Nicolás Maduro.

“Oxalá eu poida ser a voz dos suramericanos que sofren as tiranías e dos pobos que están en camiño de perder o significado do que é a democracia", sinalou Leopoldo López como compromiso principal a exercer desde o seu escano.

Miguel Tellado apuntou que na República Bolivariana de Venezuela viven na actualidade máis de 36.000 galegas e galegos e amosouse “preocupado” pola comunidade galega no exterior así como polos “miles de venezuelanas e venezuelanos que viven na Galiza e a quen queremos dar voz”, afirmou.

Tellado sinalou como correcta a posición do goberno do España recoñecendo a Guaidó


Tellado sinalou como correcta a posición do goberno de España recoñecendo a Guaidó, e apuntou a que esta actuación foi debida grazas ao empurre do Partido Popular.

Nesta liña tamén se pronunciou o eurodeputado galego e candidato do PP á eurocámara, Francisco Millán Mon, quen salientou o compromiso do Partido Popular Europeo para rematar co goberno de Nicolás Maduro.

Leopoldo López (fillo)

O opositor venezuelano  Leopoldo López está na residencia do embaixador español en Venezuela, a pesar da orde de detención ditada polo Tribunal Supremo de Xustiza (TSX) contra o opositor por “violar flagrantemente” a súa detención domiciliaria. A xustiza venezuelana condenara a Leopoldo López en 2015 a 13 anos de prisión por “participar e instigar” manifestacións que se saldaran con máis de 40 persoas falecidas.

O goberno español emitiu un comunicado a comezos de maio no que anunciaba non ter intención de entregar a López e mostraba a súa confianza en que as autoridades de Venezuela respectasen a inviolabilidade da residencia do embaixador español.

Comentarios