Pachi Vázquez (PSdeG): "Non son dúas persoas que van de paseo. Son un narco e o número dous da Consellaría de Sanidade"

O líder d@s socialistas galeg@s estima que Núñez Feijóo só quere "escapar á verdade" e enfatiza que o presidente terá que explicar "as viaxes a Andorra e Portugal".

 

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, recorreu á hemeroteca para desmontar os argumentos que o presidente da Xunta vén empregando para se desvincular dos negocios suxos de Marcial Dorado. As páxinas da imprensa galega e española facíanse eco na década dos noventa de diversas operacións policiais e xudiciais contra o narcotráfico en Galiza en que aparecía o nome de Dorado.  

"Non son dúas persoas que van de paseo", indicou o líder d@s socialistas aludindo as fotografías publicadas por El País, "son un narco e o número dous da Consellaría de Sanidade", sentenciou. O PSdeG, que vén de rexistrar xa unha solicitude de comparecencia dirixida ao mandatario galego, considerou practicamente imposíbel que en 1995 Alberto Núñez Feijóo descoñecese quen é Marcial Dorado. "Ninguén o cre". 

"O presidente está mentindo e enganando", indicou Vázquez ao tempo que exixiu ao líder do PPdeG que explique a súa relación co narcotraficante e contrabandista durante o tempo en que foi número dous da Consellaría de Sanidade e se a Xunta de Galiza asinou ou non contratos con algunhas das empresas vencelladas a Dorado. "Ten que vir á Cámara e explicar todo, con pelos e señales". 

Pachi Vázquez sumouse á petición de demisión formulada polo BNG e considerou que "agás que el teña unha explicación máis convincente, non poder ser presidente con esta carga ás súas costas". 

Comentarios