Pablo Crespo recoñece que fixo un pagamento de 126.000 euros anotado nas contas de Bárcenas

Fíxoo en 1999 en Compostela ao que daquela era tesoureiro do PP para devolver un empréstito a Génova. Daquela Crespo era secretario de organización. Entre 2003 e 2005 representou en Portos de Galiza da consellaría de Política Territorial que dirixía Feijóo

photo_camera [Imaxe: Cadena Ser]


O que foi secretario de organización do PP, o lalinense Pablo Crespo, recoñeceu como real o apuntamento de 126.000€ (21 millóns de pesetas) que aparece nas contas de Bárcenas. Segundo informa o diario español El País, o pagamento correspondería co ano 1999. A declaración de Crespo perante o xuíz Ruz vén refozar a veracidade dos documentos atribuídos ao ex-tesoureiro da formación conservadora. 

Pablo Crespo informou de que nese ano entregou en Compostela 21 millóns de pesetas en metálico ao que daquela era tesoureiro do PP, Álvaro Lapuerta, como parte da devolución dun préstamo de 100 millóns de pesetas que Génova concedera ao PP de Galiza para finanzar unha campaña eleitoral. O declarado corresponde coas anotacións que Bárcenas fixo no seu libro de contabilidade manuscrita que o xornal de Prisa fixo pública o 31 de xaneiro. Malia que non quixo explicar de onde sacara eses cartos, o seu avogado argumentou á saída dos xulgados que era "completamente limpo" e que procedía de "pequenas doazóns de militantes".

Após ser relevado do cargo de secretario de organización por Xesús Palmou, un Alberto Núñez Feijóo que hoxe é presidente da Xunta mais que foi tamén conselleiro de Política Territorial --entre 2003 e 2005, mantivo durante estes anos a Crespo no seu cargo de representante deste departamento no consello de Administración de Portos de Galiza até 2005, cando foi cesado polo bipartito. Prendérono en 2009 no marco da operación emprendida polo xuíz da Audiencia nacional española Baltasar Garzón contra a corrupción urbanística, a batizada como 'trama Gürtel' da que Crespo está considerado o número dous.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios