Ourense designa Francisco Cacharro como "city manager"
Segundo comunicou a Corporación local, Cacharro incorporarase ao equipo municipal "esta mesma semana, logo de que unha xunta de goberno local extraordinaria ratifique o seu nomeamento".
Con el, o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, gaña un novo asesor, que desenvolverá funcións de "city manager", segundo o describiu o propio rexedor cando anunciou, o pasado mes de febreiro, esta nova contratación, polémica por se sumar a un elevado número de postos de persoal eventual –o chamado persoal de confianza– no Goberno municipal e pola súa retribución, de 86.000 euros brutos anuais, superior á do propio alcalde e mesmo do presidente da Xunta.
Entre as "obrigas" que desempeñará o novo coordinador está a de "engraxar como corresponde a maquinaria do Concello", segundo sinalou onte Pérez Jácome, quen salientou nun comunicado os "grandes coñecementos xurídicos e amplo coñecemento da Administración local" do futuro coordinador, así como o seu "gran criterio político".
Cacharro Gosende militou no Partido Popular até 2008, cando se afiliou a UPyD, formación da que foi o rostro visíbel en Lugo. Dous anos despois abandonaría tamén as súas filas para ingresar no Partido de la Libertad Individual (P-Lib, agora denominado Partido Libertario), do que chegou a ser secretario xeral no ano 2010.