Jácome usará o persoal de confianza no Concello para fiscalizar o funcionariado

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anunciou onte unha nova atribución do persoal asesor no Concello, ao que quere erixir en "gardián do tempo" para vixiar que se cumpran os prazos dos procedemento administrativos  e "aplicar expedientes por baixo rendemento aos funcionarios que se "extralimiten nas datas".
2020060121195034814
photo_camera O alcalde de Ourense aumentou ao máximo o persoal eventual. (Europa Press)

Coa entrada de Jácome na alcaldía, a corporación ourensá pasou a contar con 27 traballadores e traballadoras eventuais, tantas como edís hai no pleno e 13 máis que no anterior mandato. Este aumento até o máximo legal fora defendido polo mandatario, malia o "diñeiral" que, admitiu, supón a ampliación do cadro de persoal eventual, polo labor en favor da cidade.

Agora, o rexedor xustifica esta nova función fiscalizadora do traballo municipal que lle encomenda ao persoal de confianza polos "atascos constantes" da maquinaria burocrática ourensá. "Ten que haber persoas que saian ao rescate", indicou onte, ao tempo que avanzou que será "estrito cos prazos límite" .

Coa creación da figura "gardián do tempo", Pérez Jácome di que quere facer fronte ao problema da "herdanza de descoordinación e parálise dos últimos dez anos no Concello", onde goberna en coalición co PP, que tivo o bastón de mando nos catro anos anteriores.

"Da mesma maneira que se alguén comete unha infracción de tráfico ten que haber uns captadores, ben sexan policías ou cámaras, cando un prazo non se cumpre ten que haber persoas que digan o que fallou e axuden a desatascalo buscando responsábeis ou o que faga falta", sinalou. Na comparecencia de onte, o alcalde chegou a comparar as dependencias municipais cunha fábrica da que "no canto de saír 100 coches ao día saen tres", se ben se amosou optimista ante as medidas aplicadas. 

A política de persoal do dirixente de Democracia Ourensana levantou, desde a súa chegada á alcaldía, críticas desde todas as frontes da oposición. O último capítulo, previo á crise pola pandemia, viviuse no mes de febreiro, coa aprobación polo Pleno da contratación dun "city manager", un asesor de alcaldía que cobrará máis que o presidente da Xunta. 

Polo aumento do persoal de confianza, o BNG chegou a cualificar o Goberno ourensán como unha nova "oficina de colocación", e censurou que o papel do novo fose de "policía política", agora reconvertida en policía do funcionariado. Tamén o PSOE local censurou o "enchufismo masivo" polo incremento do persoal de confianza na corporación. 

Comentarios