Aprobadas as contas da Xunta para 2020

Os orzamentos menos sociais da era Feixoo

O Parlamento da Galiza aprobou as contas da Xunta para 2020 cos votos a favor do Partido Popular e con toda a oposición en contra dun orzamento que consideran que agrava a situación de precariedade do país,  con atención ao emprego, e afonda no desmantelamento do sistema público, co exemplo dos conflitos coa atención sanitaria que non deixan de estar de actualidade.

 

Votación dos orzamentos para 2020 no pleno (Parlamento)
photo_camera Votación dos orzamentos para 2020 no pleno (Parlamento)

Os orzamentos da Galiza para 2020 ficaron aprobados hoxe con ovación popular e a crítica unánime da oposición en pleno centrada no aumento das desigualdades e da precariedade que "continúan" con estas contas. O presuposto, que practicamente non sufriu cambios no debate que se iniciou no Parlamento da Galiza o pasado mes de outubro, ascende a 10.149 millóns de euros.

O emprego e a sanidade, así como a crise demográfica, protagonizaron un debate que na práctica foi unha sucesión de monólogos. O desmantelamento do sistema público por parte do Goberno de Alberto Núñez Feixoo centra as múltiples emendas presentadas pola oposición que quedaron en nada polo "rolo" da maioría absoluta do PP na Cámara galega.

Deste xeito, as 697 emendas presentadas polo PSdeG, as 453 do Grupo Común da Esquerda, as 422 do BNG e as 282 do Grupo Mixto non chegaron nin á fase de negociación entre os grupos ao seren rexeitadas de pleno polos populares.

"Mostran a precarización do sistema público en favor do privado", asegurou a Begoña Rodríguez

"Hoxe os galegos e as galegas sabemos que, dez anos despois da chegada de Núñez Feixoo á Xunta, Galiza perdeu poboación, ten unha poboación máis avellentada, ten menos xente traballando e con máis desigualdade, cun sector agrogandeiro con enormes dificultades, cun sector pesqueiro sen remprazo xeracional, cun sector industrial en crise, cun medio rural abandonado, cun retroceso no Estado de benestar e nos servizos públicos e cunha sanidade na UCI". Así comezou a súa análise dos orzamentos a portavoz de Economía do PSdeG, Begoña Rodríguez Rumbo, que se referiu á "precarización dos servizos públicos en favor dos privados" como unha mostra clara do "desmantelamento" do sistema público que pretenden os populares.

Para os socialistas estas contas son "insuficientes" e "continuistas", e non contan cunha "aposta real polo emprego e a industria". Rodríguez Rumbo lamentou que o PP non mostrase "ningún intento de negociación" durante estes dous meses de trámite parlamentario da Lei de Orzamentos. "A continuidade do fracaso en política industrial", xunto coa ausencia de "solucións para afrontar a sangría demográfica", son "un dos problemas máis importantes do país", concretou a socialista.

Na súa quenda, o voceiro do Grupo Común da Esquerda, Manuel Lago, criticou a deriva "neoliberal" destas contas que só se deben á "lóxica dos recortes" e á "austeridade compulsiva". Lago apuntou que desde 2016, cando Feixoo chegou ao Goberno, o gasto está "2.000 millóns de euros por debaixo do que había antes" e que, mentres, a débeda aumentou en "7.500 millóns". Uns datos que cualificou de "suspenso total" na xestión económica.

Lago sinalou que "menos ingresos, menos gasto e máis débeda" é o legado que deixa o mandato de Feixoo. "Imos do axuste duro ao axuste fino e seguimos cavando no fondo do pozo", dixo.

"Son unhas contas que se deben á lóxica dos recortes", dixo Manuel Lago

"Na nosa emenda de totalidade aos orzamentos demostramos que é posíbel construír un modelo fiscal radicalmente distinto ao que está a defender o PP, redistribuíndo as cargas tributarias dun xeito máis equilibrado en relación coa capacidade económica", asegurou.

Doutra banda, a portavoz do BNG, Ana Pontón, incidiu en que estes son os presupostos dun Goberno da Xunta "fracasado, que non ten ideas nin proxecto de futuro, que deixa unha Galiza peor que hai 10 anos" e que o PP semella un "muro de soberbia" que ten a "única verdade revelada", pois non atendeu ningunha das emendas presentadas polo seu grupo.

Pontón ve un Goberno "esgotado" e "incapaz de dialogar que non quere dar un xiro de timón" mentres dereitos fundamentais como os da vivenda "son papel mollado". E, sumado a isto, un "roubo" aos traballadores e ás traballadoras da Galiza como reflicten os datos do último informe FOESSA: "Temos unha nova clase social, os traballadores pobres. O 12,3% das persoas que traballan están en situación de exclusión social e o 3,6% sofren pobreza severa".  

"É un Goberno fracasado, sen ideas nin proxectos de futuro", apuntou Ana Pontón

A portavoz nacionalista reclamou un cambio na "política sanitaria errada" e insistiu en que non se "normalice" unha "violencia que se exerce desde o sistema contra as mulleres", en referencia á situación do paritorio do hospital de Verín.  

Sobre a sala de partos deste hospital comarcal tamén falou o voceiro do Grupo Mixto, Luís Villares, que se referiu aos "argumentos irreais" esgrimidos pola Xunta para o feche e nomeou seis sentenzas que consideran "ilegal" a forma na que o Sergas organiza as gardas de Pediatría no hospital do Barco de Valdeorras.

Villares sostivo que o Goberno "asume a derrota política para Galiza fronte ás súas emerxencias social, climática e feminista" e falou dunha instaurada "precariedade vital" con "máis de 600.000 persoas en situación de exclusión social" no país.

"Negan a realidade, fan do Xacobeo 2021 a solución dos problemas", sinalou Luís Villares

Para o Grupo Mixto, en palabras de Villares, estas contas supoñen unha "negación da realidade" e "fan do Xacobeo 2021 e dos agasallos fiscais aos máis ricos a solución dos problemas da sociedade galega".

Acusación de "populismo"

Pola súa banda, o portavoz do Partido Popular, Pedro Puy, acusou a oposición de empregar "artificios contábeis" nas súas emendas aos presupostos para "faceren propaganda electoral".

Deste xeito, Puy sinalou que o Grupo Común da Esquerda propón aumentar o gasto en 560 millóns de euros, o PSdeG en 293 millóns e o BNG en 232, pero "sen dicir ao que se renuncia" para contrarrestar este incremento.

“As súas emendas son populismo e electoralismo en vea, que se acrecenta polo ton populista das súas intervencións”, concluíu o portavoz popular.

Comentarios