A oposición urxe cambios na política de persoal da CSAG
A política de persoal dos medios públicos centrou na xornada de onte a Comisión Permanente de Control da Corporación de Servizos Audiovisuais da Galiza (CSAG), desenvolvida nun momento de crise de audiencias no ente público.
O pasado 7 de marzo coñecíase unha sentenza da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que condenaba a Corporación de Servizos Audiovisuais da Galiza (CSAG) por "vulneración de dereitos fundamentais" dunha traballadora. No veredicto do alto tribunal galego sinalábase que, "fronte a tales indicios de vulneración da garantía de indemnidade, a parte demandada non achega unha xustificación obxectiva e razoábel que desvincule o cesamento dos indicios de represalia", e cuestionábanse os argumentos empregados polo ente público.
Os grupos parlamentarios do BNG e do PSdeG levaron onte esta cuestión á Comisión Permanente de Control da CSAG do Parlamento da Galiza, reclamando explicacións sobre a sentenza do TSXG á máxima responsábel dos medios públicos, a súa directora xeral, Concepción Pombo, urxíndoa a pór fin ás "represalias contra traballadoras e traballadores que defenden os seus dereitos laborais e uns medios públicos ao servizo das galegas e dos galegos".
"O seu cortello particular"
A deputada do BNG Mercedes Queixas apuntou que a sentenza "deixa claro" que na radio e na televisión galegas "represalian, arrinconan, tratan de humillar e de degradar a quen ousa levantar a voz contra o uso espurio dos medios públicos de comunicación, que non son seus, senón da sociedade que os sustenta e financia". Neste punto, lembroulle que "a sentenza obriga a cesar na actitude reincidente de vulnerar os dereitos fundamentais das traballadoras" e insistiulle en que "a radio e a televisión públicas non son o seu cortello particular no que poida facer o que lle pete".
A parlamentaria do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta, pola súa parte, reclamou á directora xeral da CSAG "responsabilidades" diante desta sentenza, e acusouna de "pasar de puntillas" e de "mirar para outro lado" cando "o mínimo que se espera é análise e vontade de corrección", no canto de "negación, xustificación e continuidade". Nesta dirección, asegurou que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza representa un "modus operandi escandaloso, indignante, vergoñento e ilegal", e denunciou que a dirección do ente público leva "centos de procedementos laborais perdidos” nos últimos anos.
Na súa quenda de palabra, Concepción Pombo, que afirmou que recorrerán a sentenza, restou importancia a este veredicto do alto tribunal galego que condena a dirección dos medios públicos e defendeu a política de persoal seguida polos responsábeis do ente nos últimos anos malia as ducias de resolucións xudiciais na súa contra. Nesta dirección, cargou contra a política seguida pola radio e a televisión galegas durante o Goberno do PSdeG e do BNG entre 2005 e 2009, e defendeu as medidas adoptadas polo seu antecesor no cargo, Alfonso Sánchez Izquierdo, de cuxo equipo ela xa facía parte.
Informe do Consello de Contas
A comisión parlamentaria fechouse cunha iniciativa do deputado nacionalista Iago Suárez relativa ao duro informe do Consello de Contas sobre a política de contratación do ente público e cuestionando as externalizacións, que Pombo defendeu.
