A oposición exixe responsabilidades polo cuarto derrubamento no hospital Materno de Ourense
O hospital Materno Infantil de Ourense protagonizou esta cuarta feira un novo derrubamento do seu falso teito, tratándose do cuarto episodio similar desde 2023 neste edificio que leva en funcionamento desde os anos 70. Ante este novo derrubamento, a oposición no Parlamento da Galiza exixiu responsabilidades no seo da Consellaría de Sanidade.
Neste sentido, o BNG rexistrou esta quinta feira no Parlamento unha iniciativa para solicitar a comparecencia urxente do conselleiro de Sanidade ante a "gravidade" do que está a suceder no hospital Materno Infantil de Ourense, o cal a formación atribúe á "falta de mantemento" e ás "condicións de precariedade nas que se atopa o edificio".
"A situación é intolerábel", asegurou a deputada nacionalista Noa Presas, advertindo de que "aínda que afortunadamente non houbo que lamentar danos persoais a causa deste novo derrubamento, o cuarto deste 2023, o certo é que podería ter pasado algo". Así, criticou "o risco que supón a situación na que se atopa o edificio para as mulleres que teñen que dar a luz en Ourense, tal e como denuncia o BNG desde hai tempo".
Presas reclamou ao conselleiro que garanta ás mulleres de Ourense unhas condicións dignas para parir, "as propias do século no que vivimos", motivo polo exixiu que se paralice o traslado da sala de partos até lles ofrecer ás mulleres ourensás "unha alternativa que lles dea todas as garantías sanitarias e onde se respecte a súa intimidade".
Pola súa parte, desde o PSdeG manifestaron esta quinta feira que exixirán na Cámara "responsabilidades polo novo derrubamento do teito do hospital materno e que se escoiten as demandas de profesionais e nais". "Tamén pedimos que o Executivo de [Alfonso] Rueda presente, nun prazo máximo dun mes, un cronograma detallado sobre a apertura do novo edificio do hospital", sinalou a deputada Carmen Rodríguez Dacosta.
"A situación resulta aínda máis grave se temos en conta que estas deficiencias afectan un centro hospitalario que atende mulleres embarazadas, neonatos e crianzas, é dicir, a poboación máis vulnerábel", subliñou a representante socialista.
"As obras no novo edificio continúan sen avances visíbeis, prolongando indefinidamente a dependencia dunha infraestrutura obsoleta e perigosa", concluíu a deputada, que denunciou "a inxustificábel neglixencia o Goberno galego".

