A oposición critica o uso da Lei de Acompañamento dos Orzamentos para introducir cambios normativos de calado
Os portavoces de BNG e PSdeG, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, criticaron este domingo as emendas presentadas esta fin de semana polo PPdeG á lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta para 2025.
Así, en declaracións aos medios na concentración convocada por Queremos Galego, Pontón criticou que o PP "se autoemende" e que as medidas fiscais vaian todas "na mesma dirección": "Favorecer os propietarios de moitos pisos en propiedade, pero nin unha soa política para que as rendas medias e baixas que non teñan garantido o acceso á vivenda vexan como isto ten algunha solución”.
Nesta liña, lamentou que "se sigan favorecendo aos grandes rentistas" en lugar de "apoiar unha política fiscal que faga que se mobilize a vivenda".
Así mesmo, cuestionada sobre a emenda popular que introduce que os parques eólicos paralizados poidan ser 'retramitados' dunha forma máis simplificada, Pontón afirmou que o que están a facer é "tentar sortear a xustiza".
Para a líder do BNG “están a romper a separación de poderes”, o que demostra, engadiu, “até que punto a Xunta é unha terminal do lobby eléctrico”. "Hoxe na Xunta mandan as eléctricas, queren pasar por riba da xustiza. A deriva na que estamos é moi grave", concluíu.
Emendas á emenda
Na mesma liña expresouse o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, quen afirmou que "é moi difícil seguir a pista do PP". "Non sabemos cal é o verdadeiro Corgos, o que presenta os orzamentos ou o que presenta as emendas", criticou.
Sobre a modificación dos parques eólicos, Besteiro argumentou que "tras a paralización do Plan Eólico e as perdas de investimentos", estas modificacións "serán inútiles" se non se adaptan "á lexislación europea e a nova planificación". Ademais, indicou que o Partido Popular debe "reconsiderar" que as cuestións "estruturais" se tramiten "de forma ordenada para que se permitan facer modificacións positivas e eficientes para o país".
Por outra parte, en relación á emenda anunciada este sábado polo propio Alfonso Rueda que permitirá aos propietarios de vivendas baleiras da Galiza deducir 500 euros por vivenda no tramo autonómico do IRPF, Besteiro lamentou que se utilice "unha vía de bonificación”, sinalando que “xa existen outras medidas no Estado que permiten utilizar esas bonificacións e beneficiarse delas para sacar vivenda en aluguer para mozos, fundamentalmente”.
"Creo que estes camiños de emendas á emenda non son a vía adecuada para regularizar e acabar cos problemas estruturais que ten a Galiza", afirmou.