A oposición coida que Feixóo renuncia porque non tiña opcións a gañar e por medo aos dossieres

Feixóo non opta á sucesión de Raxoi "movido polo medo aos dossieres que abran novas páxinas do seu álbum de fotos", considera Ana Pontón (BNG).  "As fotos con Marcial Dorado nun barco talvez non fosen máis que a ponta do iceberg", apunta Luís Villares (En Marea). Feixóo ficaría na Galiza porque se ve "sen opcións" nun PP "en declive" e en "franco descenso eleitoral", acotou Gonzalo Caballero (PSdeG)..

Bancadas da oposición no Parlamento galego. Debate ILP Mesa pola Normalización Lingüística sobre o avanzo do galego no ámbito socio-económico.
photo_camera Bancadas da oposición no Parlamento galego

Como era de agardar, a oposición non merca o discurso de Feixóo -o relato de que sacrifica as súas ambicións sucesorias para cumprir a palabra dada ao pobo galego nas eleccións de 2016- e entende que as verdadeiras razóns do paso atrás do inquilino de Os Peares teñen a ver co seu medo a perder e co seu pavor a ser vítima do fogo amigo.

O feito de que puidesen aparecer novas fotos comprometedoras con Marcial Dorado -para a oposición as xa publicadas foron filtradas á imprensa desde dentro do PP, en concreto desde a contorna de Soraya Sáenz de Santamaría- tería exercido un efeito suficientemente disuasorio sobre Feixóo. Tanto como para facer que renunciase a encabezar o partido após o abandono de Raxoi.

Alén do asunto dos dossieres, o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, entende que o presidente do PPdeG "non está lexitimado para pór en marcha o proceso de rexeneración que precisa o PP", tendo en conta o seu veto a que se fale da corrupción do seu partido no Pazo do Hórreo.

Outro dos elementos da análise que manexan as forzas da oposición é que Feixóo non vai a Madrid porque en absoluto tiña garantida a vitoria no Congreso. "Feixóo non concorre á carreira sucesoria porque sabe que non o queren. O pasado de Feixóo acabou co seu futuro", razoou Luís VIllares, en tanto que Ana Pontón se centra en desacreditar o principal argumento esgrimido polo político de Os Peares: "No BNG temos claro que a súa decisión nada ten a ver co seu compromiso con Galiza. Non lle imos mercar esa milonga a quen pasou 9 anos subordinado ao ex presidente do goberno Mariano Raxoi".
 

Máis en POLÍTICA
Comentarios