venres 24/09/21

A oposición carga contra Feixoo pola "situación límite" da Primaria

O BNG propón un "plan de choque" de 200 millóns de euros, mentres Gonzalo Caballero insta o presidente a "dar a cara" polo "demoledor" auto do TSXG e o PP defende que a saturación da sanidade "non é algo exclusivo da Galiza".
Pedro Puy, Ana Pontón e Gonzalo Caballero (Foto: Nós Diario).
Pedro Puy, Ana Pontón e Gonzalo Caballero (Foto: Nós Diario).

Unha política de "acoso e derribo contra a sanidade pública e as súas profesionais". Así definiu en rolda de prensa Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, a actuación do Goberno galego ante a "situación límite" que está a padecer a Atención Primaria. Pontón trasladou os actos reivindicativos que nas últimas datas están a decorrer en diferentes puntos do país coma o Baixo Miño, A Coruña, Ribadeo ou Vigo, e emprazou a Xunta a adoptar medidas "urxentes" para as que, dixo, "só se precisa vontade política para reforzar o sistema público".

Neste senso, demandou un "plan de choque" para a Primaria de 200 millóns de euros para a contratación de persoal, e apostou por incluír nesta especialidade profesionais da psicoloxía clínica, a logopedia e o traballo social. O obxectivo último do BNG é que a Primaria abranga 25% do orzamento total do Servizo Galego de Saúde (Sergas), o limiar recomendado por organismos internacionais como a Organización Mundial da Saúde (OMS).

"É falso que non haxa persoal suficiente. O problema é a precariedade e os recortes impostos estes anos", replicou Pontón ante as recentes palabras do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sobre as "dificultades" para atopar médicos de reforzo.

Aliás, acusou o Executivo de Alberto Núñez Feixoo de facer unha política "indecente que roza a prevaricación", por "ser consciente" da realidade do servizo e "non mover un dedo". A líder do BNG tamén puxo o foco nas "inaceptábeis" listaxes de agarda, de até 15 días nalgunhas áreas sanitarias, con 3.400 persoas á cola para unha cirurxía (10% máis que en 2020) e 39.000 agardando por un especialista (+36%).

Caballero pide que Feixoo "dea a cara" polo "demoledor" auto do TSXG

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, reclamou a comparecencia ante a Cámara galega do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, por mor do "demoledor" auto do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) a respecto do certificado Covid.

"Ninguén deu aínda a cara para explicar o correctivo aplicado polos xuíces contra a política sanitaria do Goberno", dixo. Precisamente a comparecencia do mandatario galego debaterase mañá na Deputación Permanente do Parlamento a petición do BNG. O PP aínda non desvelou o seu voto.

Caballero, así mesmo, acusou o presidente de "demonizar a hostalaría" e "atentar contra os dereitos fundamentais" da cidadanía. En consecuencia, anunciou que o seu partido despregará "toda a actividade parlamentaria" e seguirá a percorrer a Galiza con "iniciativas sociais e institucionais" para que Núñez Feixoo "abandone a política de avestruz e explique os desastres da Consellaría de Sanidade".

O PP di que a saturación da Primaria "non é exclusiva da Galiza"

Pola súa banda, Pedro Puy, portavoz do PPdeG na Cámara, respondeu ás críticas da oposición e afirmou que se trata dun asunto "moi complexo e difícil" que "non é exclusivo da Galiza", senón que se está a dar noutros territorios do Estado, e debe ser abordado "con racionalidade". Aliás, incidiu nas "dificultades" para ocupar as prazas de médicos de familia e pediatría.

Puy tamén amosou a súa satisfacción polo proceso de vacinación, "que está a ser exemplar na Galiza", e polos avances na inmunización da poboación, "o que indica que se está a aproveitar ben a distribución".

comentarios