A oposición acusa Comesaña de desatender a sanidade

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, comparece, a petición propia no pleno do parlamento da Galiza (Foto: Nós Diario)..
O conselleiro de Sanidade evita falar da Atención Primaria na súa primeira comparecencia no pleno da Cámara. 

O "colapso" da Atención Primaria volveu ser albo esta terza feira do debate no Parlamento galego. Os grupos da oposición (BNG e PSdeG) recriminaron ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que non abordase esta cuestión na súa comparecencia no pleno e que "se limitase" a anunciar novas probas e vacinas que se porán en funcionamento no Sergas. 

Tanto o BNG como o PSdeG reprocharon ao titular de Sanidade deixar de citar a situación na Atención Primaria e comezou un forte debate.

A portavoz sanitaria do BNG, Montse Prado, ironizou con que a comparecencia foi unha "receita de aproveitamento" con asuntos xa anunciados, mais non levou ao Parlamento "ningunha receita para solucionar os problemas de saúde pública". 

A "saturación" da Atención Primaria, en palabras da deputada nacionalista, propicia que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) cada vez estea "máis para atender só ás urxencias".

Pola súa parte, o portavoz de sanidade do grupo socialista, Julio Torrado, advertiu que a Atención Primaria está "na situación máis crítica que se lembra", xunto a unha Atención Hospitalaria na que "dimiten de maneira habitual" xefes de servizos. A pesar diso, como criticou o socialista, o conselleiro "non quere falar dos problemas reais".

Fronte a estes reproches, a deputada do Partido Popular Encarnación Amigo alegou que os problemas dos centros de saúde afectan tamén outras comunidades autónomas e que non é exclusivo da Galiza. 

Nesta mesma liña interviu o propio conselleiro de Sanidade. Julio García Comesaña replicou á oposición noutra intervención que volvera hoxe falar da Atención Primaria e aproveitou para criticar a plataforma SOS Sanidade Pública que ten convocada para o 12 de febreiro unha manifestación a nivel galego en Compostela contra os recortes sanitarios.