Olalla Rodil (BNG) tira de ironía para reprender o PP: critican as protestas das traballladoras pero fan unha manifestación con bandeiras franquistas

Os populares presentasen unha demanda na que solicitaban "neutralidade ideolóxica" no ensino
Olalla Rodil nun Pleno no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
Olalla Rodil nun Pleno no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

A deputado do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, volveu empregar a ironía para denunciar a iniciativa presentada pola deputada do PP, Celia Vázquez Súarez, na que os populares presentaban unha demanda dirixida ao Goberno galego para que garantise "a neutralidade ideolóxica nas actividades dos centros de ensino". Unha iniciativa que Rodil considerou que mostra o "estilo Rueda e do PP en estado puro, un PP para o que a liberdade, a democracia e o dereito a manifestarse empeza e acaba onde diga o PP". Alertando de que a proposta dos populares coartaría a liberdade de expresión do país, un feito que Rodil achacou a que "a vostedes señorías do PP a liberdade non lle importa o máis mínimo e no ensino menos".

Durante a súa intervención a nacionalista tamén sinalou os diferentes argumentos empregados polo PP para criticar as manifestacións convocadas na Galiza nos últimos tempos, como as mobilizacións en defensa da sanidade pública, en contra de Altri ou a folga das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Rodil fixo especial fincapé no intento de censura do PP á manifestación convocada pola CIG o pasado 25 de novembro fronte a sede do partido en Santiago, "diante dun partido de ben que tapou durante meses a un conselleiro denunciado por violación e que o mantivo no cargo con soldo público e chofer pagado cos impostos das galegas".


A deputada nacionalista tamén subliñou que "o PP non lles gusta a liberdade de expresión e a manifestación se non a convoca o partido popular", lembrando a convocada polo populares o pasado domingo en Madrid. Unha manifestación na que como destacou Rodil se puideron ver "bandeiras franquista e a cruz de Borgoña". A nacionalista quixo chamar a reflexionar e a recordar que ambos os símbolos están ligados ao réxime franquista, lembrando os milleiros de asasinatos ordenados polo ditador Franco.

Comentarios