O PP rexeita anular a declaración de impacto ambiental de Corcoesto porque a mina "é beneficiosa"

O deputado popular, Aurelio Núñez, puxo en dúbida na súa intervención que os índices de arsénico no Anllóns sexan prexudiciais para a saúde humana ao considerar que este produto químico "non é solúbel"

Corcoesto
photo_camera Corcoesto

O grupo maioritario da Cámara apoiou máis unha vez o proxecto mineiro de Corcoesto. Segundo @s populares a mina que atinxirá a comarca de Bergantiños conta "co apoio da maioría" e "é beneficiosa" para o lugar polo que declinou anular a declaración de impacto ambiental que a Xunta elaborou favorábel á instalación da empresa canadense Edgwater. 

Para o PP non hai "datos estatísticos" que vinculen o arsénico de Corcoesto con prexuízos para a saúde das persoas en parte, din, porque este produto "non é solúbel"

A Proposición non de lei debatida esta cuarta feira na Cámara exixía ao executivo galego desenvolver unha investigación "que avalíe o risco que para a saúde humana e o medio ambiente supoñen as elevadas concentracións naturais de arsénico na zona da mina de ouro de Corcoesto" e que, segundo o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, sitúan os niveis deste produto en taxas "12 veces superiores aos máximos permitidos". 

Porén, para o deputado popular, o arsénico "non é solúbel" polo que "non hai datos estatísticos" que o vinculen con prexuízos para a saúde das persoas. Jorquera retrucou a Núñez asegurando que "os graos de café" tampouco o son mais si cando estes son moídos, como acontece co arsénico empregado nos procesos de extrancción mineiros, como indican, dixo, "tres informes científicos" elaborados entre outros, por "investigadores do CSIC". 

Aliás, Jorquera criticou que a posición de PP estea a menosprezar o masivo rexeitamento popular a este proxecto mineiro ao asegurar que conta "co apoio da maioría". 

A Proposición non de lei presentada polo BNG contou co apoio de AGE e PSdeG, mais non así co Partido Popular que considerou o proxecto mineiro de Corcoesto "beneficioso" para a comarca habida conta dos postos de traballo que a empresa canadense, di, creará coa mina. Esta opinión tamén foi partillada desde as bancadas socialistas polo deputado coruñés Francisco Caamaño que, no entanto, considerou preciso "informar" máis á veciñanza sobre as consecuencias da instalación do proxecto "nun espazo protexido". 

Máis en POLÍTICA
Comentarios