O BNG non apoia a moción de censura encuberta do PP ao alcalde de Ourense, mais exixe condicións

Reclama que o diñeiro investido en alcol para unha festa d@s socialistas se devolva ás arcas públicas, que se depuren responsabilidades e que se estabeleza "con toda nitidez" en que se poden gastar os cartos que reciben os grupos municipais


O grupo municipal do BNG optou finalmente por non apoiar a moción presentada polo PP para reprobar o alcalde de Ourense, Agustín Fernández (PSdG), após as facturas dun gasto en alcol para unha festa d@s socialistas que non chega aos cen euros, mais que foi pagado co diñeiro que o Concello desembolsa para garantir o funcionamento das formacións políticas que fan parte da corporación. 

A formación nacionalista rexeitou sumarse a esta moción de censura encuberta do PP, pois @s conservador@s estaban a negociar xa apoios de cara á alcaldía, mais fixaron tres condicións: que o diñeiro se devolva ás arcas públicas, que se depuren responsabilidades dentro do grupo socialista e que se estabeleza "con toda nitidez" en que se poden gastar os cartos que reciben os grupos municipais.

Nun tenso debate que durou por volta de dúas horas, tampouco o PSdG apoiou a reprobación do rexedor. Por tanto, unicamente recibiu os votos a favor d@s 11 edís do PP e d@s dúas de Democracia Ourensana. 

As dúas formacións cargaron contra o mal uso que o PSdG outorga ao diñeiro que recibe do Concello. Porén, o PP empregou 10.690 euros en "gastos de representación", é dicir, paparotas entre el@s propi@s ou ágapes coa veciñanza na procura dun apoio político; e Democracia Ourensana destinou a súa asignación, por volta de 17.000 euros, a pagamentos a Auria TV, a canle de televisión privada do seu líder, Gonzalo Pérez Jácome.

Comentarios