O Bloque rexeita o pacto entre PP-PSOE e cre que o “bipartidismo só quere salvarse a si propio”

As deputadas do BNG presentarán unha emenda á totalidade no Congreso na que recollerán “as necesidades da xente"

Pérez Rubalcaba e Rajoy en Moncloa
photo_camera Pérez Rubalcaba e Rajoy en Moncloa

A vindeira terza feira o Congreso español debaterá o acordo acadado entre PP e PSOE en relación ao vindeiro Consello europeo, a celebrar o 27 de xuño en Bruxelas. Desde o BNG criticaron que o pacto sexa “unha manobra de distracción” que só pretende “salvar a cara” dun “bipartidismo en horas baixas” e anunciaron que presentarán unha emenda á totalidade. 

A portavoz do BNG nas Cortes españolas, Olaia Fernández Davila salientou que a proposta alternativa que defenderán na Cámara visa recoller “as necesidades da xente”, en troca de manter “o pagamento da débeda como unha prioridade”. 

Para @s nacionalistas o acordo entre PP e PSOE “non cuestiona as políticas europeas” e “só fai un brinde ao sol”. Neste senso, demandarán para Galiza que se supriman “os vetos e restricións ao naval, o sector agro-gandeiro e a pesca”. Aliás, exixirán que se inclúan medidas prioritarias para “combater o desemprego xuvenil, a loita contra a fraude fiscal e os paraísos fiscais”.  Xunto a isto, reclamarán á UE “a devolución íntegra dos aforros aos afectados pólas preferentes”. 

O bipartidismo “só tenta salvarse a si propio”
Fernández Davila salientou que “desde o comezo da crise o PP e o PSOE son cómplices no esencial: a política económica” polo que entende “o pacto escenifica” un intento por se aferraren ao “deseño neoliberal da UE”. Asemade a nacionalista manifestou o rexeitamento da súa formación a un acordo que, entenden, só procura “salvar a cara” dun “bipartidismo en horas baixas” fortemente cuestionado pola sociedade. 

Comentarios